Cinco profesionais de enfermaría familiar e comunitaria do centro de saúde de Cedeira ensinaron primeiros auxilios e reanimación cardiovascular (RCP) no CEIP Nicolás del Río. Nesta ocasión, a actividade estaba deseñada para un grupo de 50 profesores, pais e nais do alumnado. Os alumnos e alumnas xa foran formadas nunha anterior xornada.
O taller consistiu en dúas horas divididas nunha parte teórica e unha práctica. Dedicaron especial atención a como abordar a RCP e a obstrución de vía aérea por corpo estraño (OVACE) coa manobra de Heimlich, que é unha das técnicas de primeiros auxilios.
Segundo as profesionais sanitarias, a actividade foi moi completa e moi fluída. Neste sentido, puideron abordar máis cuestións relacionadas cos primeiros auxilios, como a actuación ante unha hipoglicemia, convulsións, reacción anafiláctica, escordaduras, fracturas ou hemorraxias.