O Concello de Ferrol iniciará en abril a segunda quenda de rozas no rural. Así o avanzou o concelleiro de Servizos, Medio Ambiente e Zona Rural, José Tomé.
A primeira fase desenvolveuse entre setembro e decembro de 2024. Durante estes meses rozáronse un total de 353.827 metros lineais de vías e camiños. “Na segunda fase rozarase ata acadar o total de 700.000 metros lineais correspondentes coa anualidade do 2024”, avanzou o edil.
Esta segunda fase durará dende abril ata xuño, comezando os traballos nas parroquias de Serantes e Santa Ícia. Así, adicarán aos labores dous tractores e un equipo de persoal para labores manuais de repaso, soprado e recollida dos restos.
A primeira fase do 2025 comezará en setembro e durará ata decembro. Estes traballos están dentro do servizo de roza e limpeza de gabias e plataformas nas vías rurais do Concello de Ferro. Este adxudicouse no 2024, establecendo un prazo de execución dun ano prorrogable por outro ano máis.




