O presidente provincial, Luis Menor, puxo en valor, durante a reunión no Pazo, o traballo de Lembranza Solpor, un colectivo con preto de medio século de historia
A Deputación de Ourense vén de reforzar a súa cooperación coa Agrupación Folclórica Lembranza Solpor, segundo anunciou o presidente provincial, Luis Menor, tras a reunión de traballo mantida no Pazo Provincial cos representantes deste colectivo que conta con preto de medio século de historia.
O encontro cos representantes de Lembranza Solpor, que forma parte da rolda de contactos que está a desenvolver o ente provincial con diferentes colectivos, serviu para analizar polo miúdo o labor e as actividades que desenvolve este grupo, destacando os seus 45 anos de historia “e que forma a máis de 80 persoas a través da súa escola de gaita”.
Precisamente, tras coñecer as súas necesidades, o presidente provincial, Luis Menor, sinalou o compromiso da Deputación de reforzar a axuda con Lembranza Solpor, dentro das posibilidades da entidade provincial, co obxectivo de que poidan continuar coas súas actividades.