A primeira Oficina Termal AVE de España abriu as súas portas ao público, impulsada pola área de Benestar da Deputación de Ourense. Este espazo deseñado “por e para os balnearios” foi acordada pola institución provincial con ADIF a finais do 2024. Tras a presentación oficial a pasada semana, esta oficina de información sobre termalismo xa recibiu aos primeiros visitantes, causando gran interese nos viaxeiros da estación.
Despois de realizar todos os os trámites co administrador ferroviario e a posterior adecuación do espazo, a oficina nace co obxectivo de promover os balnearios da provincia e o programa de Termalismo social provincial 2025, do que se iniciou recentemente o prazo de solicitudes con récord de inscritos. A instalación está situada na entrada principal da estación Ourense Empalme, con acceso desde o vestíbulo central da infraestrutura ferroviaria.
A oficina estará a plena disposición dos centros termais, non só para que teñan información dos seus servizos balnearios, senón tamén para que poidan realizar promocións ou eventos na estación.

RECREACIÓN DOS BALNEARIOS NA OFICINA
O espazo recrea o ambiente de natureza, de aí que o céspede sexa un elemento con referencias ao entorno verde no que se sitúan os balnearios. Compleméntase con elementos de ornamentación vexetal que xeran atractivo visual e interese por traspasar a porta da oficina. Esta invitación está apoiada no son de auga, que traspasa a entrada e contextualiza o ambiente das piscinas de auga mineromedicinal.
As referencias visuais complétanse con albornoces e sandalias como elementos de decoración e de identificación clara cos balnearios.
POSIBILIDADE DE ACORDOS E COLABORACIÓN
O Termalismo Social vincula á Deputación de Ourense con todos os balnearios da provincia a través dunha exitosa fórmula de cooperación público-privada. O obxectivo é favorecer que o maior número posible de persoas poidan ter acceso aos tratamentos terapéuticos administrados polos balnearios, así como ás estancias termais con aloxamento, entre outras modalidades do programa.
O novo convenio da entidade pública cos balnearios da provincia, polo que se desenvolve o Termalismo Social 2025, inclúe este ano a posibilidade de desenvolver acordos de colaboración co sector termal, os centros termais e axentes públicos ou privados que propicien unha promoción recíproca cos balnearios e co termalismo social.
Calquera entidade pública ou privada poderá formular á área de Benestar da Deputación de Ourense o seu interese por establecer unha promoción conxunta cos balnearios da provincia. Desde o ente provincial avaliarase o interese da proposta e poñerase en coñecemento dos centros termais.
O principio no que se baseará cada acordo será que nos balnearios se promova á entidade colaboradora a través da posta a disposición de información dixital e de soportes físicos. Pola súa banda, a entidade colaboradora con carácter recíproco difundirá nas súas instalacións ou a través dos seus servizos o Termalismo Social e aos balnearios. Ademais, tanto os balnearios como a entidade colaboradora dispoñerán da Oficina Termal AVE como soporte conxunto da promoción.
A Oficina xa estuda futuras colaboracións con axentes vinculados ao termalismo na provincia, que se concretarán proximamente.



