O Concello de Ortigueira, a través do departamento de educación familiar dos Servizos Sociais, iniciará en marzo o proxecto Escola de Familias. Esta iniciativa pretende mellorar a comunicación no núcleo familiar e proporcionar ferramentas educativas a pais e nais para fomentar o benestar dos fillos e fillas.
Este programa xorde co obxectivo de fortalecer as relacións familiares, mellorar o vínculo afectivo e dotar ás familias de estratexias en materia de educación, disciplina positiva, establecemento de límites e normas no fogar. Así mesmo, abordará temas de especial relevancia, como a prevención de condutas de risco, o acoso escolar, as adiccións e os trastornos emocionais na infancia e adolescencia. Ademais búscase potenciar o traballo conxunto entre as familias e os centros educativos, garantindo que a formación que se imparte en colexios e institutos chegue tamén aos fogares.
A concelleira de Servizos Sociais, Elisa Dorna, destacou a importancia deste proxecto como unha ferramenta fundamental para acompañar ás familias na crianza e educación dos fillos e fillas. Así pois, ante os desafíos da adolescencia e infancia, o Goberno local pretende “ofrecer un espazo onde nais e pais poidan recibir apoio, compartir experiencias e recibir orientación de profesionais a través de actividades atractivas para as familias e os sus fillos e fillas”. Finalmente, a edil salientou que a Escola de Familias “nace coa intención de crear unha comunidade de aprendizaxe onde todos poidamos achegar e enriquecernos”.