O rei Felipe VI realizou esta mañá unha visita ao Arsenal de Ferrol. Aproveitando a ocasión, o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, mantivo unha reunión co monarca para presentarlle Abrir Ferrol ao Mar como elemento clave para o progreso da cidade.
No encontro, celebrado no edificio da Sala de Armas, estiveron presentes a ministra de Defensa, Margarita Robles; o almirante xefe do Estado Maior da Armada, Antonio Piñeiro Sánchez; e o almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Gonzalo Villar; entre outras autoridades militares.
Durante os 30 minutos da reunión, o rexedor fixo un repaso pola historia da cidade a través de documentos audiovisuais. Neste contexto, Rey Varela destacou a relación de simbiose entre urbe e ámbito militar e a necesidade de conectar a cidadanía co mar no núcleo urbano.
A esta demanda responde Abrir Ferrol ao Mar, un proxecto “moderno, ambicioso e respectuoso coa nosa historia en igual medida”, grazas ao cal se realizarán actuacións de rexeneración urbana nos barrios con contacto co Arsenal co obxectivo de estreitar os lazos entre mar e veciñanza.

Neste sentido, Rey Varela explicou á Súa Maxestade que Abrir Ferrol ao Mar implica a modificación da muralla do Arsenal, de xeito que esta permita a visibilidade do recinto militar e do mar, respectando a súa condición de Ben de Interese Cultural e obedecendo aos requirimentos de seguridade.
En virtude deste obxectivo, o tramo de muralla entre a Porta do Parque e a Porta de Enfermería recuperará a altura orixinal do século XVIII e irá decrecendo ata ser rebaixada ao medio metro na maior parte do trazado. A altura precisa por razóns de seguridade militar alcanzarase grazas a un enreixado que permitirá a visión do mar.
Ao longo dos séculos a muralla experimentou diversas modificacións para adaptarse ás necesidades do Arsenal e da cidade. “Esta iniciativa non é só unha cuestión urbanística ou estética, senón unha medida bidireccional que beneficia tanto a Ferrol como á Armada”, asegurou o alcalde. Cómpre destacar que Abrir Ferrol ao Mar conservará a garita da porta do dique e converterá a Porta de Enfermería no acceso principal ao Arsenal.
MOBILIDADE SOSTIBLE
Así mesmo, o alcalde trasladou a Felipe VI que se creará unha senda verde e azul peonil de 10 quilómetros, con carril bici, que unirá os barrios de A Graña e Caranza, discorrendo de xeito paralelo ao Arsenal ao seu paso polo mesmo. Ademais, fixo alusión aos novos aparcamentos disuasorios que xa están operativos e que forman parte da Fase 1 de Abrir Ferrol ao Mar. “Trátase dunha aposta por gañar espazos para os veciños, por potenciar a mobilidade sostible e por conseguir unha cidade máis saudable”, apuntou.

Abrir Ferrol ao Mar “implica a transformación de Ferrol nunha cidade moderna, que avanza cos tempos e cremos, Maxestade, que temos ante nós unha oportunidade única para revitalizar a cidade, mantendo o equilibrio entre conservación e evolución”, comunicou o alcalde ao rei Felipe VI.
Rey Varela lembrou que neste ano Ferrol obtivo os primeiros datos positivos en crecemento de poboación en máis de catro décadas. Nesta liña, o alcalde trasladou ao monarca algunhas cuestións de importancia para a cidade. “Abrir Ferrol ao Mar, xunto á necesaria chegada da alta velocidade e da imprescindible transformación do estaleiro cun novo modelo de construción en dique, constitúen as claves para a modernización da cidade”, afirmou. Asemade, fixo fincapé na candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial da Unesco, que inclúe o Arsenal, a cidade e o castelo de San Felipe.
Tras a presentación de Abrir Ferrol ao Mar ao rei, o monarca continuou coa súa visita no ámbito militar. Rey Varela valorou moi positivamente este encontro, que demostra que a cidade departamental forma parte dos intereses da axenda do Xefe do Estado. Así mesmo, amosouse satisfeito por ter trasladado persoalmente ao rei o maior proxecto transformador da cidade, Abrir Ferrol ao Mar.