Durante o primeiro semestre de 2025, o servizo de orientación laboral do Concello do Carballiño atendeu a case 800 persoas. Estes usuarios en busca activa de traballo achegáronse voluntariamente en busca de información ou foron derivadas polo Servicio Público de Emprego de Galicia. Así, a administración local realiza unha intensa labor de asesoramento e formación da poboación desempregada.
Diana González, concelleira de Comercio, destaca a importante función realizada polo equipo do servizo. Neste sentido, a área xestionou no que vai de ano 21 ofertas de emprego e axudou á inserción laboral de 75 persoas. As ofertas están vinculadas co eido da hostalaría, atención sociosanitaria, limpeza, atención ao cliente, forestal e fabricación-produción.
FORMACIÓN E EMPREGO PÚBLICO NO CARBALLIÑO
O servizo tamén se encarga de poñer en marcha distintos programas de formación e emprego público que facilitan a inserción laboral dos participantes. No último ano e medio, 130 persoas formaron parte da oferta formativa. Destes, 92 persoas inscribíronse en cursos e 36 en obradoiros de emprego público de duración de 9 meses ou 1 ano. No eido dos obradoiros atópanse o Programa de Emprego de Persoas Mozas, que se leva a cabo no Carballiño por primeira vez, e o obradoiro dual.
A programación deseñada inclúe cursos dixitais, prevención de riscos laborais para o sector da construción, madeira e metal, competencias clave para ter acceso aos certificados de profesionalidade e obradoiros de xardinaría, carpintería ou albanelaría.
A edil de Comercio destaca os bos datos de participación nos cursos e obradoiros. “Hoxe en día, a oferta pública de emprego é moi alta”, apunta. Actualmente, hai dous programas en fase de selección e contratación. Por unha banda, o Aprol Rural, que inclúe tres contratos de nove meses; e, pola outra, as Brigadas Forestais, que inclúe seis contratos de tres meses de duración.
A maiores, o servizo de orientación laboral do Concello do Carballiño tamén coopera con iniciativas públicas doutras institucións. Nesa liña, colabora co programa “Yo Emprego Galicia”, dirixido a persoas desempregadas interesadas en poñer en marcha o seu propio negocio. Asemade, participa no programa integrado de emprego, xunto con outros concellos adxacentes.



