O Partido Popular de Leiro revalidou a Francisco José Fernández Pérez como presidente no congreso da agrupación local. No acto de clausura participaron o presidente provincial, Luís Menor; e a secretaria xeral, Sandra Quintas.
No conclave, Menor resaltou ao presidente popular de Leiro, alcalde e senador como exemplo de estabilidade municipal e política. Neste sentido, pediulle “exportar” esta característica “para recuperar en 2027 máis alcaldías e a maioría absoluta na Deputación”.
O presidente provincial explicou que Francisco José Fernández revalida a presidencia da agrupación local e “dálle un novo pulo á unidade e solidez do PP de Leiro”. Asemade, engadiu que o partido é un instrumento para alcanzar o Goberno e mellorar a calidade de vida da cidadanía, cun programa de actuacións e un equipo de persoas “que leve a cabo o noso modelo de territorio”.
Con todo, dixo Menor, Leiro tamén pode servir de exemplo coa súa estabilidade para sumar máis apoio en calquera convocatoria electoral. “Por iso é absolutamente necesario que o partido estea perfectamente organizado”, engadiu.
Francisco José Fernández, con trinta anos á fronte da alcaldía, agradeceu o apoio dos populares de Leiro e da dirección do partido por seguir confiando na súa persoa para esta nova etapa da agrupación local. A vida local “é a maior escola da política”, dixo, comprometéndose a continuar traballando polo partido, “o que tamén significa seguir procurando o progreso do concello”.
Un dos maiores logros do presidente popular de Leiro é a recuperación do río Avia ao seu paso polo municipio. Marca da paisaxe e cultura do municipio, a súa recuperación é unha “aposta polas fortalezas do concello, polo termalismo e o sector do viño”.
Finalmente, Francisco José Fernández confía en “ter un programa de obxectivos ben definido, ser rigorosos na xestión e tender sempre pontes á colaboración con outras administración para o ben da nosa veciñanza”.




