A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa mantiveron esta mañá na Estación Marítima de Vigo un encontro co comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis. As plataformas aproveitaron a visita institucional que Kadis está facendo estes días a Galicia para entregarlle un escrito conxunto asinado polos presidentes de Ulloa Viva e a PDRA, Juan Pedro Sánchez e Xaquín Rubido respectivamente, e polo patrón maior da Confraría da Illa de Arousa, Juan José Rial. Costas Kadis recolleu o escrito e atendeu as explicacións dos representantes de Ulloa Viva e a PDRA e comprometeuse a estudalo. No mesmo, amplas plataformas demandan da Unión Europea “protección” para o sistema fluvial-mariño Ulla-Arousa.
Logo do encontro con Kadis, no que a Plataforma Ulloa Viva tamén lle fixo entrega dunha camisola “Altri Non”, ambas plataformas acordaron tamén meter o escrito por rexistro na Comisión Europea. No documento entregado ao Comisario de Pesca e Océanos da UE, alertan de “diversos proxectos económicos que presionan ao sector do mar e ás actividades tradicionais de pesca de baixura, marisqueo e acuicultura de bivalvos, cos seus máis que posibles impactos ambientais”.
A primeira das “ameazas” que sinala o escrito é “o proxecto de instalación da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei, na cabeceira do río Ulla, que captaría diariamente 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros (Agolada) durante os próximos 75 anos e que vertería 30 millóns de litros diarios acompañados de 65 toneladas de contaminantes, directamente ao río Ulla, na parroquia agoladesa de O Sexo.
Lembráronlle ao comisario que “o río Ulla e a ría de Arousa forman unha unidade ecoxeográfica que non admite separar artificialmente o río da ría, nin as súas utilidades económicas”, porque como contempla a Directiva Marco da Auga (DMA), as augas costeiras da ría forman parte do mesmo sistema xunto coas augas de transición e as augas doces do sistema fluvial.
Dentro do compromiso da Plataforma Ulloa Viva co noso territorio, e a nosa loita contra os proxectos depredadores que queren expoliar os nosos recursos e mudar o noso modo de vida, poñendo en perigo o noso futuro, a nosa saúde e á das nosas fillas e fillos, no documento entregado ao comisario europeo figuran tamén as “ameazas” da reapertura da mina de Touro-O Pino e os seis parques eólicos na Demarcación NorAtlántica, fronte á costa galega, que afectarían aos caladoiros de pesca de Galicia.



