A 63ª Festa do Pulpo do Carballiño, que terá o seu día grande o 10 de agosto, abriu o prazo para presentar as propostas ao concurso de deseño de camisetas que ten como obxectivo formentar a creatividade e promover a participación cidadá
A 63ª Festa do Pulpo do Carballiño, que ten o seu día grande o 10 de agosto, vén de abrir o prazo para participar no tradicional concurso de deseño de camisetas dunha edición que este ano xira en torno ao país convidado: Italia.
O certame de deseño de camisetas, incluído dentro do amplo programa da Festa do Pulpo do Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional, ten como finalidade fomentar a creatividade e a participación da veciñanza, especialmente da mocidade.
Os deseños presentados deberán estar inspirados na Festa do Pulpo e na cultura italiana, podendo incluír debuxos, imaxes, palabras, frases, números ou calquera outro elemento gráfico. As propostas poderán aplicarse sobre camisetas de calquera cor, tanto na parte dianteira como traseira.
O concurso de camisetas da 63ª Festa do Pulpo está dirixido a todos os colectivos que o desexen como asociacións xuvenís, culturais, veciñais, grupos informais, centros educativos ou pandillas de amigos… e sen límite de idade, sempre que a persoa responsable do grupo sexa maior de idade. Cada agrupación poderá presentar un único deseño.
O concurso establece tres premios principais: un primeiro premio de 300 euros, un segundo premio de 200 euros e un terceiro de 100 euros. Ademais, todos os deseños que cumpran os requisitos recollidos nas bases recibirán unha compensación de 60 euros, sempre que non se esgote o crédito dispoñible. No caso de superarse o orzamento, terase en conta a orde de inscrición.
As persoas interesadas poden recoller a ficha de inscrición no Departamento de Cultura do Concello do Carballiño e presentar a súa proposta no rexistro municipal ata o día 6 de agosto de 2025, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para máis información, están dispoñibles os teléfonos 988 530 007 (extensión 329) e 662 198 615.
O Concello do Carballiño anima á participación neste concurso, que cada ano contribúe a dar cor, identidade e entusiasmo á Festa do Pulpo, unha das celebracións gastronómicas máis recoñecidas e importantes de toda Galicia.




