Barbadás aprobou en pleno de forma definitiva e por maioría absoluta a nova ordenanza que actualiza a taxa de recollida de lixo, cos votos a favor de PSdeG-PSOE, DO e Partido Galego. Así, o Concello de Barbadás dá cumprimento a unha directiva europea que establece a obrigatoriedade do equilibro nos servizos que presta a entidade local, como explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. Así mesmo, puxo en valor o criterio co que se aplica e que tamén é normativa na Unión Europea: quen contamina, paga.
Segundo o Goberno local, a taxa aplicarase dun xeito “máis xusto social e medioambientalmente”. Unha suba lineal afectaría por igual a todas as familias á marxe da súa capacidade económica, xeración de residuos e prácticas medioambientais. Porén, optouse por unha fórmula que busca que pague máis quen máis contamine.
Para logralo, vincula o axuste da taxa de lixo ao consumo de auga. A maior consumo de auga, maior taxa de lixo, especialmente a partir dos consumos considerados excesivos. Pola contra, as familias cun consumo responsable e razoable de auga poderán rebaixar ata un 35% a taxa anual do lixo en comparación ao que lle correspondería no caso dunha suba lineal.
Así, na práctica, o 50% das familias de Barbadás pagarán de media pola nova taxa entre un 20% e un 35% menos que coa suba lineal; mentres que o 70% pagarán entre un 10% e un 35% menos, tanto no ámbito rural como no urbano.
A nova ordenanza, aprobada co informe favorable da intervención municipal, entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2025. Con este modelo preténdese recompensar á cidadanía que adopte prácticas medioambientais responsables, incentivando en paralelo un consumo de auga razoable e sostible e a menor xeración de residuos.
Outras dúas novidades que aporta a nova ordenanza afecta a 300 vivendas do municipio que non teñen traída de auga. Xa que os recibos de auga e lixo van xuntos, estes domicilios pasarán a pagar unha cota fixa. Neste senso, será de 50 euros nas zonas urbanas e 30 no rural. Asemade, tamén se regulariza a situación das comunidades de propietarios, que ata o de agora pagaban por bloque en lugar de polo número de vivendas.