PUBLICIDADE

A Unidade de Atención Temperá de Toques trasladarase a Melide a partir da próxima semana

PorBisbarra

Xoves, 24 Outubro 2024 , , , ,
A delegada informou que a Xunta reforzará o sistema de atención temperá que atende a máis de 200 concellos galegos

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, María Blanco, visitaron o centro de Atención Temperá de Toques, financiado pola Xunta de Galicia que da servizo a este concello e a Melide, Arzúa, Santiso e Vilasantar de forma gratuita. Na visita a representante do Goberno autonómico informou do traslado deste equipo de profesionais, a partir da semana que vén, ao concello de Melide, onde seguirán prestando os seus servizos ás nenas e nenos destes mesmos municipios nunhas novas instalacións.

A delegada lembrou que este centro conta con 3 traballadores, un psicólogo, unha pedagoga e unha terapeuta ocupacional e recibiron cunha axuda do Goberno galego de máis de 250.000 euros entre 2023 e 2024. Belén do Campo confirmou que, para o ano que vén, recibirán 270.000 euros entre 2025 e 2026, 20.000 euros máis que lles permitirán ampliar os seus servizos.

Neste sentido, agradeceu aos traballadores e responsables do centro a súa implicación e traballo e lembrou que “a Xunta atende neste tipo de unidades a case 2.300 nenas e nenos da provincia da Coruña” e subliñou que “este centro atendeu, o ano pasado, a redor de 120 usuarios”.  Belén do Campo destacou que “se manterán todas as unidades existentes e se abrirá algunha máis para consolidar e seguir estendendo por toda a comunidade a Rede galega de atención temperá, un servizo público gratuíto para as familias que é fundamental para dar resposta, o antes posible, ás necesidades de nenos de 0 a 6 anos”.

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.