PUBLICIDADE

A Xunta acepta os terreos cedidos polo Concello de Teo para a construción do novo centro de saúde

PorBisbarra

Luns, 20 Xaneiro 2025
A alcaldesa de Teo e o conselleiro de Sanidade asinaron un convenio de colaboración hai unhas semanas

O Consello da Xunta aceptou a cesión dos terreos cedidos por parte do Concello de Teo para que o Servizo Galego de Saúde constrúa un novo centro de saúde nesta localidade. O Executivo galego prevé realizar un investimento estimado ao redor de 4,3 millóns de euros para a construción desta nova infraestrutura sanitaria.

A parcela que albergará o inmoble conta cunha extensión de 10.539 metros cadrados e emprazase no lugar da Ramallosa. Así, está previsto que o novo centro de saúde conte cunha superficie que superará os 1.800 m2.

A construción deste centro sanitario permitirá achegar unha mellor atención asistencial ao conxunto da poboación teense, ao verse ampliadas tanto súas dimensións, como a súa carteira de servizos. O novo inmoble substituirá aos actuais centros de saúde de Cacheiras e de Pontevea, posibilitando unha mellor planificación do seus cadros de persoal ao concentrar a súa actividade.

PUBLICIDADE

Unha vez se dispoña da escritura de cesión do terreo, procederase á licitación da redacción do proxecto. A Xunta agarda contar co proxecto básico e de execución da obra na primeira metade do ano 2026 para, posteriormente, licitar e adxudicar a súa construción.

De acordo co Plan de Infraestruturas Sanitaria de Atención Primaria da Xunta, a construción do novo centro de saúde encádrase na Fase 2 da dita planificación. Non obstante, a celeridade coa que o Concello cedeu uns terreos axeitados para erguer a nova edificación posibilitará que os veciños de Teo poidan contar con esta infraestrutura sanitaria antes do previsto.

O novo centro de saúde de Teo estará dotado con 16 consultas de adultos, unha área de saúde bucodental, un despacho de traballador social, dúas salas de técnicas, unha de urxencias, unha sala de toma de mostras e unha sala de espera de extraccións, unha área de atención pediatría con dúas consultas, unha consulta de matrona, unha de enfermería pediátrica, unha sala de observación, unha sala de docencia e unha zona de vestiario de pacientes.

Xa que logo, o Plan funcional deseñado para este novo centro de saúde contempla o incremento de 2 consultas de medicina, 2 de enfermería, 1 de farmacia, e 1 sala de técnicas, unha área de saúde bucodental, así como un despacho de traballador social.

Ademais, na área de pediatría ampliarase o número de consultas de 1 a 2 e dotarase o centro cunha sala de enfermería pediátrica e unha sala de observación. Tamén disporá dunha sala destinada á docencia, unha zona de vestiario de pacientes e dous despachos para coordinación e atención ao usuario.

Nos últimos 15 anos, a Xunta construíu ou reformou un total de 137 centros de atención primaria, investindo máis de 175 millóns de euros no seu compromiso por mellorar calidade do primeiro nivel asistencial da rede sanitaria pública galega.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.