A Xunta de Galicia formalizou a compra de 12 parcelas máis de titularidade privada no Parque Natural das Fragas do Eume. Estas fincas pasan a formar parte da superficie pública do parque natural, que suma xa máis de 1.850 hectáreas. Máis en concreto, 11 parcelas localízanse en Monfero e unha en Cabanas, cunha superficie total de 13 hectáreas.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou en Pontedeume a escritura de compravenda das 12 propiedades. Supón o terceiro lote de terreos adquiridos polo seu departamento no que vai de ano. Estas compras enmárcanse nun programa pioneiro co que busca reforzar o peso da superficie pública neste espazo natural, no que o 80% dos terreos son de titularidade privada.
O obxectivo destas compras é realizar actuacións de conservación e restauración en zonas de máximo interese ecolóxico. Así, eliminaranse e retiraranse especies invasoras e mellorarase a continuidade das masas de frondosas autóctonas que caracterizan ás Fragas do Eume, o bosque atlántico europeo mellor conservado de toda Europa.
40 PARCELAS PÚBLICAS NAS FRAGAS DO EUME
Neste sentido, a Xunta habilitou un orzamento de 1,1 millóns de euros para afrontar este tipo de adquisicións e ten localizadas unhas 400 parcelas, que suman 200 hectáreas, para avaliar a súa posible compra. De feito, está previsto adquirir un novo lote antes de que remate o ano. Ata o momento, o Goberno galego xa comprou 40 parcelas que suman preto de 30 hectáreas.
A Xunta considera de vital importancia a realización de actuacións que persigan incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación e asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.
Estas medidas enmárcanse no compromiso da Xunta de facer compatible a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio cunha actividade económica sostible. Asemade, estes obxectivos tamén guían o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume, do ano 2023.