O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou local sociocultural da asociación veciñal de Serantes, obxecto dunha rehabilitación integral. Os traballos supuxeron un investimento de 748.081,19 euros. Destes, 450.000 euros proceden dos fondos europeos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O alcalde celebrou a culminación destas obras, cunha superficie total construída de 346 metros cadrados. Así, ponse a disposición dos veciños e veciñas “un local social do século XXI”.
O edificio orixinal foi completamente renovado. Entre as principais intervencións destacan a reestruturación integral do interior do local. Renováronse completamente os espazos interiores respectando a estrutura orixinal. Agora o edificio conta cun amplo salón de actos, oficinas, biblioteca e salas polivalentes.
MELLORA DA ACCESIBILIDADE E CAFETERÍA NO LOCAL SOCIAL
Así mesmo, realizáronse melloras na accesibilidade. Para garantir que o edificio sexa inclusivo, instaláronse ramplas e aseos adaptados. Ademais, modernizáronse as infraestruturas eléctricas, de fontanería e climatización, incorporando sistemas eficientes e sostibles, como bombas de calor e un sistema de iluminación LED.
A maiores, agora os espazos contan con revestimentos adecuados aos tempos actuais e duradeiros, mellorando a estética e a funcionalidade do edificio. Tamén se actuou no illamento térmico e acústico, reforzando a envolvente do edificio con materiais que reducen o consumo enerxético e melloran as condicións acústicas.
O proxecto executado incluíu a construción dun novo volume independente destinado a albergar unha cafetería. “Este espazo foi deseñado como un punto de encontro”, afirmou o alcalde, e localízase de xeito estratéxico no recinto, complementando os servizos do edificio principal.