A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, celebrou que a Xunta asume desde hoxe a xestión e ordenación plena do litoral co obxectivo claro de conxugar a protección do medio ambiente co desenvolvemento socioeconómico de Galicia. De feito, o Diario Oficial de Galicia publica no día de hoxe o decreto polo que a comunidade asume as funcións e servizos traspasados pola Administración Xeral do Estado en materia de xestión da costa.
A responsable autonómica salientou durante a clausura da xornada O noso litoral: claves para a súa xestión integral e o seu desenvolvemento sostible -organizada con motivo deste fito para Galicia- a importancia dunha cuestión que vai permitir xestionar 1,6 millóns de hectáreas de costa, un territorio no que se concentra o 58% da poboación galega, 1,5 millóns de persoas pertencentes a 86 concellos.
De feito, incidiu, trátase dun asunto transversal no que van estar involucrados todos os departamentos da Xunta co fin de acadar unha xestión eficiente protexendo de maneira escrupulosa o litoral, dando seguridade xurídica e buscando o equilibrio entre o desenvolvemento socioeconómico e a conservación dos valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e culturais, entre outros.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, puxo en valor que Galicia comeza a xestionar a súa costa -porque ninguén mellor que as galegas e os galegos coñecen as súas particularidades- e pon fin a unha etapa na que as decisións máis relevantes sobre o dominio público marítimo-terrestre se tomaban a centos de quilómetros de distancia.
Neste sentido, subliñou o papel que tivo durante todo o proceso o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que foi, segundo dixo, o principal impulsor deste fito histórico como “pai” da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
A partir de hoxe, subliñou a conselleira, Galicia pasa a xestionar centos de expedientes de autorización e concesión de dominio público marítimo-terrestre sen requirir o informe preceptivo do Estado que si precisan outras comunidades como Cataluña, Andalucía ou Baleares e faino buscando simplificar ao máximo os trámites e facilitar a vida ao conxunto da cidadanía. Por iso, a Xunta puxo en marcha un novo espazo web baixo o nome de Galicia litoral no que se centralizará toda a información sobre esta cuestión.


