Os abonos, para participar nas actividades ou asistir ás representacións da MIT de Ribadavia, que se desenvolverá do 18 ao 26 de xullo, xa se poden adquirir dende hoxe 1 de xullo
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) converterá a Ribadavia, do 18 ao 26 de xullo, no epicentro das artes escénicas, que este ano celebra a súa 41ª edición baixo o lema Escenas en tránsito, e cunha nova dirección artística formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde que neste MIT 2025 apostan pola contemporaneidade, a diversidade, a mirada feminista e os formatos híbridos cunha programación arriscada e comprometida.
A necrópole do Castelo acolleu a presentación da MIT de Ribadavia, na que participaron o alcalde, César Fernández; as dúas novas directoras artísticas; Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta na provincia, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Sabela Mendoza e Gena Baamonde detallaron polo miúdo a programación desta 41ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Ambas destacaron a calidade das obras, así como do resto das actividades incluídas na proposta. Nesa liña, animaron á poboación a participar non só como público das representacións, senon tamén acudir aos coloquios, nos obradoiros e nos encontros abertos á cidadanía.
En total, máis de 35 actividades entre funcións, obradoiros, encontros, foros e accións abertas á comunidade, repartidas en máis dunha ducia de espazos escénicos que van desde os históricos como o Auditorio do Castelo ou a Igrexa da Madalena, ata espazos naturais, prazas e sitios máis alá do núcleo urbano, museos ou a Casa da Cultura, facendo da MIT un festival expandido.
En canto aos espectáculos escénicos, a MIT 2025 presenta 23 propostas de teatro, danza, performance, circo e artes vivas, coa participación de compañías procedentes de Galicia e o resto do Estado, ademais de compañías procedentes de Portugal, Italia e Brasil.
A convivencia entre linguaxes e formatos configuran unha programación atenta á diversidade formal e temática, na que teñen cabida desde propostas intimistas ata espectáculos de gran formato, e que aborda cuestións como a memoria histórica e o seu vínculo coas historias íntimas e persoais, a identidade e o cuestionamento das fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico.
A este programa de exhibición súmanse o programa de apoio á creación (con 3 residencias artísticas), o programa de formación (con 6 obradoiros e laboratorios dirixidos tanto a profesionais como a público xeral e público infantil) e o programa de mediación (co que se busca xerar outros lugares de encontro e conexión entre artistas, públicos e profesionais das artes escénicas).
Tamén nesta edición da MIT a programación galega constitúe un dos eixos centrais coa presentación de espectáculos de nove compañías galegas como son Disiden.cia, Ibuprofeno Teatro, La Guajira, Ártika, Ítaca Teatro, Pistacatro, Furia Sotelo, Chévere e o colectivo A Volátil, que se presenta por primeira vez na MIT, e a colaboración de outras tantas artistas e profesionais en diversas actividades paralelas.
No plano internacional, destaca a presenza da compañía italiana Parini Secondo co seu espectáculo HIT (out), unha vibrante performance coreográfica e musical. Dende Portugal, Circolando presenta Crátera, unha peza transdisciplinar inspirada nas xeopoéticas e na paisaxe volcánica que aposta por traer as cuestións ecolóxicas a un plano micro, o dos corpos e as relacións entre suxeitos e territorios. Tamén dende Portugal chega Patricia Portela co seu traballo de residencia e mostra en proceso Os Passadores que aborda cuestións de nacionalidade e fronteiras.
Ademais, a coreógrafa brasileira residente en Cantabria Mari Paula ofrece a súa peza Escambo, unha danza lúdica e tropical que aposta polo sensorial e o traballo cos obxectos para achegar tamén a expresión creativa ás nenas e nenos.
A programación estatal presenta proxectos novidosos e xóvenes, como o da creadora María Jurado; ao tempo que trae a Ribadavia a recoñecidas compañías e creadoras como Malpelo, Luz Arcas, Cris Blanco, Societat Doctor Alonso, Teresa Lorenzo, Luz Arcas/La Phármaco, Malpelo ou Kolektiv Lapso Cirk, que poñen o foco na escena contemporánea e na mistura de disciplinas.
A MIT non se limita á exhibición. Ademais, incluirá 6 obradoiros e cursos abertos ao público, como o taller de clown de Roi Borrallas ou de máscara neutra de Mar Navarro, en colaboración coa Escola Galega de Clowns, o laboratorio El Desenterrador con Sofía Asencio e Tomás Aragay, en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAG); ou o obradoiro de movemento para infancia a partir da peza Escambo de Mari Paula.
Ademais, o ciclo satélite da mostra, leva espectáculos a aldeas como San Cristovo, Sampaio, Santo André ou Francelos, fomentando o acceso e descentralizando propostas artísticas de calidade en espazos fóra do núcleo urbano. E coma sempre, os Foros MIT ofrecerán conversas abertas coas compañías ao remate das funcións para compartir impresións co público.
Tamén nesta edición se celebrarán a 20ª edición do Premio Abrente, cun acto especial e lectura dramatizada que homenaxea o legado dunha das convocatorias de escrita teatral en lingua galega máis significativas do país. Así mesmo, a MIT acollerá a entrega do Premio da Academia Galega de Teatro a Xulio Lago, recoñecendo a súa traxectoria esencial na construcción da escena galega contemporáneo, ademais do anuncio e entrega do Premio Abrente 2025 e dos outros premios outorgados pola MIT.
Con esta ampla proposta, a 41ª MIT reafírmase como un espazo vivo de encontro, risco, memoria e celebración que alberga de xeito destacado o traballo de creadoras, directoras e coreógrafas. Un festival que acolle corpos diversos, linguas múltiples, públicos interxeracionais e unha comunidade artística que non deixa de interrogar o noso tempo e os propios xeitos de facer creación, prestando especial atención ás direccións e creacións dende colectivos e equipos que traballan dende unha ollada plural.
Toda a información sobre a MIT pode atoparse na súa web (mitribadavia.gal). A venda de abonos abriuse hoxe 1 de xullo a 62€. As entradas individuais poderán adquirirse a partir do 7 de xullo por un prezo de 7€ a xeral e a 5€ para estudantes e persoas desempregadas; a excepción da inauguración e clausura no Castelo, cando o prezo xeral será de 10€ mentres que o reducido será de 8€.
Ademais, inclúense 10 espectáculos de acceso gratuíto engadidos a outras actividades tamén de balde, coma obradoiros e presentacións.
A MIT contará un ano máis co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia), a Deputación de Ourense e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) – Ministerio de Cultura; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT.




