PUBLICIDADE

Fene impulsa os festivais de música Felicia Pop e FeneRock

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o edil Justo Ardá, durante a sinatura do convenio de colaboración cos responsables dos festivais Felicia Pop e FeneRockA alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o edil Justo Ardá, durante a sinatura do convenio de colaboración cos responsables dos festivais Felicia Pop e FeneRock

Os festivais Felicia Pop, en agosto, e FeneRock, en setembro, asinaron un convenio de colaboración co Concello de Fene en virtude do cal recibirán cada un unha achega de 11.000 euros para sufragar parte dos gastos organizativos

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso co tecido cultural e asociativo local coa sinatura esta mañá dos convenios de colaboración cos festivais Felicia Pop e FeneRock, que se celebrarán nas parroquias de Limodre e San Valentín nos meses de agosto e setembro, respectivamente.

A achega municipal ao Felicia Pop e ao FeneRock ascende a 22.000 euros (11.000 por festival) dos que o 70% se adianta agora (7.700 euros por evento) para contribuír aos gastos organizativos, completándose o pago tras a xustificación da subvención.

Ademais da axuda económica, o Concello de Fene colabora tamén na organización das sesións vermú gratuítas, aportando un grupo para cada festival, e reforzará os servizos municipais como limpeza, recollida de residuos ou seguridade, co obxectivo de garantir que todo funcione correctamente durante o desenvolvemento dos festivais.

PUBLICIDADE

A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que “estes festivais son unha referencia cultural e social que traspasa as fronteiras do propio concello e que teñen un impacto moi positivo tanto a nivel cultural como económico”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, sinalou que “Fene é hoxe un exemplo de como a cultura feita desde abaixo, con paixón e compromiso, transforma os territorios, dinamiza a economía local e crea comunidade. Estes festivais son parte esencial da nosa identidade”.

Cartel do Felicia Pop e do FeneRock

O festival Felicia Pop, que se celebrará os días 1 e 2 de agosto en Limodre, contará coas actuacións de The Optic Nerve, Hey Hematoma, Los Bengala, Los Mejillones Tigre, Mega Purple Sex Toy Kit, Cometa, Ulex, Mooon, Pava e Allo Negro.

O FeneRock, que terá lugar do 6 ao 8 de setembro en San Valentín, traerá ao escenario a Herdeiros da Crus, Sôber, Los Tigres del Cañotas, Viva Belgrado, Hour Glass, Monoulious Dop, Ezpalak, Lisdexia, A Pelo, Efecto Imperfecto, Los Hombres de Diego, Galiza Sound Machine e DJ R4tibrón.

Con esta sinatura, o Concello de Fene reafirma a súa aposta pola cultura como motor económico e social, apoiando proxectos que atraen centos de persoas, dinamizan o tecido económico e consolidan a Fene como referente nos festivais de música alternativa e cultura contemporánea.

As entradas e abonos para ambos eventos poden adquirirse nas respectivas webs dos festivais, https://www.feliciapopfestival.com/ e https://fenerock.gal/.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.