O Concello de San Sadurniño e a súa contorna acolleu a cuarta edición do seu BTT, a segunda do seu Trail e o seu primeiro Cross Infantil durante unha xornada que estivo marcada pola calor
O Concello de San Sadurniño viviu, o pasado 29 de xuño, unha intensa e exitosa xornada deportiva coa celebración de tres probas non competitivas que reuniron preto de 250 participantes entre ciclistas e corredores a pé.
A IV BTT, o II Trail e o I Cross infantil Concello de San Sadurniño encheron os montes e camiños da contorna municipal e da comarca nunha xornada marcada pola calor, que malia todo non impediu que practicamente todos os deportistas completasen os circuítos elixidos, pero tamén pola boa organización do Club MTB Biela e Chaveta xunto cun bo feixe de persoas colaboradoras.
O punto de referencia para todas as probas estivo no arboreto da Cortiña, no que se situaron as saídas e chegadas. Dende alí partiron os tres trazados da BTT, de 61, 50 e 23 quilómetros, e os dous do trail, de 23 e 11 quilómetros; mentres que a rapazada completou varias voltas a un circuíto marcado arredor da zona verde.
A calor foi sen dúbida un reto engadido, pero a organización estivo á altura ofrecendo refrixerios líquidos e sólidos en distintos puntos, ademais de ter despregados polo territorio a máis de medio cento de voluntarios pendentes dos cruzamentos de pistas e de calquera outra incidencia que puidese ocorrer.
Sabiamos que a temperatura sería alta, pero creo que quedou todo o mundo contento. Valeu a pena organizar a proba” (José Manuel Barro, presidente do Club Biela e Chaveta)
No IV BTT Concello de San Sadurniño, a variedade de percorridos permitiu adaptarse a diferentes perfís de participantes, dende as persoas máis preparadas ata as que se iniciaban neste tipo de citas. Óscar Roca, do Club Ciclista Narón, destacaba o nivel organizativo e a calidade dos trazados.
“Foi unha ruta moi ben organizada, con sendeiros limpos e perfectamente sinalizados. A verdade, espectacular. Ao haber tres percorridos, serve tanto para competir como para probar ou simplemente dar un paseo”, explicaba Roca na chegada pouco despois de completar os 61 quilómetros por pistas, camiños e corredoiras de San Sadurniño, Neda, Moeche e As Somozas.
Aínda que non había cronometraxe oficial, os máis rápidos completaron o trazado longo en pouco menos de tres horas. “Algúns foron a todo o que deron e outros fomos máis tranquilos, a nivel medio. Aos que menos levoulles 2 horas e 55 minutos”, contaba Roca, quen tamén animou a que máis xente se sume en futuras edicións.
O II Trail Concello de San Sadurniño tivo tamén unha acollida notable, con corredores de diferentes idades e niveis, ofrecendo dúas alternativas: unha de 23 quilómetros e outra de 11. Mentres que no I Cross Infantil, arredor dunha vintena de rapazas e rapaces correron nun circuíto deseñado sen saír do arboreto do paseo fluvial, buscando fomentar, principalmente, a participación máis que a competitividade. Obxectivo este último, común a todas as probas da mañá.
A xornada rematou cun xantar de confraternidade á beira do río Xuvia, no que os participantes, organización e acompañantes compartiron mesa e impresións sobre como fora a mañá. Dende o Concello de San Sadurniño, o balance tamén foi moi positivo.
O concelleiro de Deportes, Manel Martínez, destacaba a complexidade organizativa do evento: “Foi un desafío para Biela e Chaveta e para nós como Concello. Xuntar tres probas nunha soa mañá, con 250 persoas despregadas nun radio de 10 quilómetros, non foi nada doado. Pero a xente do club, o persoal municipal e todas as persoas colaboradoras fixeron un traballo de dez”.
Pola súa parte, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, puxo en valor o potencial turístico e deportivo da proposta reivindicando que este tipo de actividades “combinan o deporte e aproveitamento sostible dos nosos recursos paisaxísticos. San Sadurniño ten un grande atractivo para este tipo de probas, e contar con Biela e Chaveta é unha garantía”.
A vista agora está posta na seguinte cita: a III Cronoescalada Sanrockeira, prevista para o venres 8 de agosto, coincidindo coas festas de San Roque en Naraío. Unha proba curta, de apenas 3 quilómetros, pero cun desnivel moi esixente que a converte nun reto para quen se anime a subir ata Quintiá dende o campo da festa.
A Sanrockeira será un dos referentes estivais do ciclismo comarcal, no que aínda quedará por celebrarse outra proba máis: a Ruta BTT nocturna, o venres 19 de setembro.





