A 22ª edición de Curtocircuíto, Festival Internacional de Cinema, botou a andar onte á noite coa estrea estatal, na compostelá praza da Quintana, do último filme de Lois Patiño: Ariel. O festival, que conta co apoio do Concello de Santiago e que se desenvolverá ata o domingo 6 de xuño, retorna ás súas orixes levando as proxeccións aos espazos abertos da cidade, co obxectivo de xerar encontros entre artistas e cidadanía, nos que compartir procesos creativos, experiencias e reflexións.
Os abonos, entradas e convites para Curtocircuíto están dispoñibles na web de Compostela Cultura, na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas) e no despacho de billetes do Teatro Principal (durante os días do certame).
As entradas para as proxeccións custan 4 euros. O prezo das sesións live AV no Teatro Principal é de 7 euros. As Sesións Especiais son gratuítas previa recollida de convites (máximo 2 por persoa). O acceso a todas as sesións no exterior é gratuíto.








