PUBLICIDADE

O Festival Atlántica inunda mañá Santiago e Teo con contos para soñar, rir e lembrar

O Festival Atlántica 2025, que remata o vindeiro 11 de xullo, terá mañá xoves unha intensa xornada en Santiago e Teo (Fotos: Xaime Cortizo)O Festival Atlántica 2025, que remata o vindeiro 11 de xullo, terá mañá xoves unha intensa xornada en Santiago e Teo (Fotos: Xaime Cortizo)

O Festival Atlántica de Narración Oral conta cun programa con máis de 50 artistas e máis de 85 funcións que se desenvolven en 25 sedes en vilas de toda a comunidade, nunha edición que esta semana comeza a súa recta final

O Festival Atlántica continúa a súa celebración da narración oral internacional cunha intensa xornada mañá xoves 3 de xullo nas localidades de Santiago de Compostela e Teo. Contos para todas as idades, con acento galego e tamén internacional, daranse cita ao longo do día en diferentes espazos, tanto urbanos como naturais.

O Festival Atlántica de Narración Oral, que subiu o pano o pasado 28 de xuño, conta cun programa con máis de 50 artistas e máis de 85 funcións que se desenvolven en 25 localidades galegas, nunha edición que esta semana comeza a súa recta final, y que rematará en Outes o vindeiro 11 de xullo.

A programación en Santiago do Festival Atlántica arrincará pola mañá con tres funcións simultáneas ás 11:30 e ás 12:00 horas, dirixidas a campamentos de verán e público familiar (+4 anos), todas en galego. Trátase de Procúrase Pepa a Loba, de Cris Collazo, no CSC Fontiñas (11:30 horas), unha proposta chea de humor e retranca; Andar aos biosbardos, de Charo Pita, no CSC da Gracia (12:00 horas), un paseo por contos que mesturan tradición e fantasía; e para rematar, Na punta do pé, co dúo formado por Luís Prego e Samuel Soto, no CSC de Figueiras (12:00 horas), no que a música e palabra se dan a man.

PUBLICIDADE

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, as rúas de Compostela acollerán unha das actividades estrela do díaA pegada de Castelao, un paseo narrado pola historia e a memoria da man de Carme Varela e Quico Cadaval. Esta proposta convida a revivir a Compostela que coñeceu e amou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nun roteiro literario e emocional que percorre a cidade a través da súa pegada máis humana.

Durante nove anos, Castelao viviu en Compostela, entre viños na Casa de Lea, callos nas Crechas e cantos de serenos nas noites compostelás. Anos que el mesmo evocaría no exilio como tempos de “ledicias no corazón” sen tristuras. Esta actividade, pensada para público adulto, propón un paseo narrado entre pedras, prazas e campás. A pegada de Castelao non é só un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, no que a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.

A xornada compostelá desta nova edición do Festival Atlántica rematará cun toque internacional ás 21:00 horas nos xardíns do CSC Maruxa Coralia, coa actuación do narrador portugués Miguel Gouveia e o seu espectáculo Vénme ao bico un conto. Unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.

Programación en Teo do Festival Atlántica

A programación en Teo do Festival Atlántica, para este xoves 3 de xullo, tamén se une á festa da oralidade con Garavanciña, de Bea Campos, unha historia tenra e divertida para público infantil (ata 8 anos) e familiar. Terá lugar ás 12:00 horas no CRA de Casalonga-Calo, dentro da programación para campamentos de verán.

Nesta adaptación fresca e coidada, a historia de sempre —recoñecible pola súa estrutura tradicional e o seu universo simbólico— presenta unha visión renovada dos roles e dos costumes populares, sen perder a fantasía nin a musicalidade que fan destes contos unha ferramenta esencial para medrar. Garavanciña é un convite a escoitar, soñar e descubrir a través da palabra dita en voz alta. Un espectáculo que conxuga tradición, aprendizaxe e imaxinación, perfecto para dar os primeiros pasos no marabilloso mundo dos contos contados.

O Festival Atlántica 2025, que remata o vindeiro 11 de xullo, terá mañá xoves unha intensa xornada en Santiago e Teo (Fotos: Xaime Cortizo)

Breve historia do Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.