A Escola de Teatro Municipal do Concello de Ames pechará o prazo de inscrición, para as prazas que quedaron libres e para o novo grupo inclusivo do curso que vén, o vindeiro venres 11 de xuño
A Escola de Teatro Municipal do Concello de Ames abriu, onte martes 1 de xullo, o prazo para formalizar as novas inscricións. Ademais, como novidade para o vindeiro curso, estrearase un novo grupo inclusivo, Teatro formativo e lúdico, no que o 50% das prazas están reservadas para persoas con discapacidade.
As persoas interesadas en obter praza deben cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello, e teñen como límite o vindeiro 11 de xullo. Tamén se pode presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro. Toda a información sobre horarios, prazas… pódese consultar no folleto informativo da Escola Municipal de Teatro, chamar aos números de teléfono 981 535 940, 662 377 444 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.
A Concellaría de Cultura de Ames puxo en funcionamento no 2021 a Escola Municipal de Teatro. Este pasado mes de xuño rematou o curso 2024-2025 e abriu o prazo para a renovación de praza dirixido ás persoas xa inscritas en dito curso.
Desta volta, do 1 ao 11 de xullo, a Escola de Tetro abre un segundo prazo para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres, xunto coa inscrición no novo grupo inclusivo Teatro formativo e lúdico, que se estreará o vindeiro curso, dirixido a persoas maiores de 16 anos e a metade das prazas ofertadas están reservadas a persoas con discapacidade.
Cómpre lembrar que, para formar grupo, será necesario que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas ofertadas. Premendo nesta ligazón podes consultar o folleto sobre o proceso de inscrición na Escola Municipal de Teatro de Ames.
As prazas dos grupos que aínda non estean completos adxudicaranse por orde de entrada do impreso de inscrición no Rexistro. Os prezos públicos son de 40 euros para menores de 18 anos e de 50 euros para as persoas maiores de 18 anos. O segundo membro menor de 18 anos dunha unidade de convivencia aboará 20 euros e o terceiro e restantes menores de 18 anos pagarán 10 euros.




