PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta cofinancia un vehículo para servizos municipais en Cerdido

PorBisbarra

Mércores, 8 Xaneiro 2025 , , ,
Diego Calvo e Natalia Prieto visitaron Cerdido para comprobar o novo vehículo.Diego Calvo e Natalia Prieto visitaron Cerdido para comprobar o novo vehículo.

A Xunta de Galicia cofinanciou a adquisición dun vehículo para labores de mantemento da contorna e de protección do medio natural no Concello de Cerdido. Trátase dun pick-up que supuxo unha achega autonómica de case 37.000 euros. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaron Cerdido para comprobar a dotación.

O vehículo destínase á recollida e traslado de residuos voluminosos e á protección de espazos naturais. Así pois, inclúense aquelas actuacións de prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco. Nel trasládase o persoal e as ferramentas precisas para o desenvolvemento destas tarefas. O custo total da dotación ascendeu a case 48.000 euros.

O Concello xustificou a súa adquisición na necesidade de coidar e protexer o patrimonio natural dun municipio de carácter marcadamente rural. Así mesmo, do mantemento de servizos esenciais como o abastecemento, o saneamento, a limpeza de leitos e vías ou a xestión de residuos. Neste sentido, a administración local carecía de recursos suficientes para facer fronte a estas necesidades.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

COMPROMISO DA XUNTA COS CONCELLOS

Diego Calvo enmarcou o apoio da Xunta nesta adquisición no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso municipal e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se sumou o pasado exercicio a orde plurianual para melloras de eficiencia enerxética, cofinanciada con fondos Feder. O conxunto delas supuxo en 2024 un investimento de 32 millóns de euros para impulsar preto de 700 proxectos municipais.

O conselleiro salientou que concretamente Cerdido recibiu nos últimos exercicios preto de 200.000 euros ao abeiro das distintas convocatorias. Con este financiamento adquiriu diverso equipamento, como unha biotrituradora ou unha rozadoira, e mellorou infraestruturas municipais, como a casa consistorial. Ademais, en 2024 recibiu preto de 137.000 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.

A maiores destas liñas de axudas, a Xunta asina convenios de colaboración para cubrir necesidades urxentes das administracións locais enmarcadas neses obxectivos, como foi o caso de Cerdido. Así asináronse acordos con outros 13 concellos para adquisición de equipamento, obras de eficiencia enerxética e outras melloras en infraestruturas e servizos municipais.

No que se refire ao apoio para a adquisición de vehículos destinados á prestación de servizos municipais, a Xunta investiu 2,6 millóns de euros no período 2023-2024 en achegas a 75 concellos. Trátase tanto de dotacións utilizadas para a realización de tarefas relacionadas co mantemento e protección do medio natural como de coches híbridos ou eléctricos, con etiqueta Cero emisións ou ECO para os respectivos corpos de Policía Local. Deste xeito impúlsase tamén a modernización e a eficiencia enerxética do parque móbil municipal.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.