O Concello de San Sadurniño entregou os premios da campaña de dinamización do comercio “Polo Nadal, consumo local”. A iniciativa, na que colaboraron 31 negocios locais, rifaba seis cestas valoradas en 70 euros e tres de 140 euros. Non obstante, o Concello sorteou a maiores unha cesta máis entre a clientela do salón de peiteado Ángeles, xa que as papeletas quedaran sen recoller e non participaron no sorteo inicial.
Na entrega dos lotes de produto participaron a concelleira de Cultura, Ara Bellas; e o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela. No acto felicitaron ás persoas premiadas e agradeceron a implicación do tecido comercial. Así mesmo, salientaron a participación, chegando ás case 20.000 papeletas, unhas 5.000 máis que na edición de 2023, na súa maioría por compras superiores a 10 euros.
“A campaña funcionou moi ben e os establecementos quedaron tan contentos coma nós por ter entregado tantas rifas, sinal de que a xente aposta polos negocios locais“, apuntou o edil de Desenvolvemento local.
As cestas conteñen gran parte de produtos producido dentro do ámbito do Xeoparque do Cabo Ortegal e tamén do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Mel, conservas de froita, horta e peixe, queixos e requeixo, chocolate, zume… “todo de grande sabor e calidade, todo de aquí para concienciarnos tamén do potencial que ten o noso sector primario”, asegurou Varela.