PUBLICIDADE

A Xunta despregará todo o potencial do litoral galego para ser referente en España

PorBisbarra

Martes, 8 Xullo 2025 , , , ,
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lamenta que algúns dos preto de 500 expedientes transferidos polo Estado a Galicia o pasado 30 de xuño tiñan que resolverse esa mesma semana, o que requiriu dun importante esforzo da Xunta.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, propuxo hoxe no pleno do Parlamento un gran pacto de país para despregar todo o potencial do litoral da comunidade a través dun marco lexislativo -a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga)- que se converteu nun referente para o resto de autonomías de España.

A representante do Executivo galego compareceu a petición propia na Cámara, onde apostou por continuar co espírito co que naceu a normativa galega -coa participación de todos os axentes implicados- e pola unión de esforzos para acadar unha costa máis sostible e próspera. De feito, a Loxilga ten entre os seus principios buscar o equilibrio entre a protección do medio ambiente e o desenvolvemento social e económico das zonas costeiras, incluíndo a adaptación aos efectos do cambio climático.

Nesta liña, a conselleira sinalou que o cumio de concellos costeiros previsto para o mes de setembro será o punto de partida para impulsar ese pacto galego polo litoral co obxectivo de converter a costa de Galicia nun exemplo de dinamismo económico sostible. Para logralo, Ángeles Vázquez apelou ao compromiso do conxunto da sociedade -administracións, empresarios, investigadores, entidades sociais e partidos políticos, entre outras organizacións– para que ese pacto teña un efecto transformador e sitúe á comunidade como referente europeo en gobernanza costeira.

PUBLICIDADE

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que a xestión integrada do litoral debe transcender os intereses particulares ou ideolóxicos e avanzar cara un modelo de sostibilidade ambiental, social e económica que ofreza garantías xurídicas a todos aqueles que teñen algún tipo de interese no dominio público marítimo-terrestre.

Por iso, avogou por deixar atrás a etapa de división e enfrontamentos protagonizada polo Goberno central froito da súa vontade de eliminar da costa calquera vestixio de presenza humana independentemente das consecuencias socioeconómicas que esa expulsión puidese ter. Agora, salientou, a comunidade pasa a exercer plenamente as competencias en materia de ordenación do litoral aspirando a facelo do mellor xeito pois as galegas e galegos son os que mellor coñecen a súa costa e, polo tanto, saben coidala e protexela aproveitando o seu potencial para crear emprego e oportunidades.

Ángeles Vázquez lembrou que a Loxilga foi froito dun traballo intenso da comunidade e que recibiu por unanimidade o aval do Tribunal Constitucional recoñecendo que a xestión do litoral era unha competencia xa recoñecida polo estatuto de autonomía, polo que non era necesaria a súa transferencia, en contra do que defendía o Goberno central e dando a razón ao Executivo galego. Neste sentido, puxo en valor que a normativa foi todo un exemplo para outras comunidades -Valencia, Andalucía, País Vasco, Cantabria ou Baleares- e permitiulles abrir camiño na xestión do seu propio litoral.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.