O Concello de Cedeira acolleu o acto de benvida a 114 gardas civís en prácticas que reforzarán a seguridade en Galicia. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Miguel Ángel González Arias; e o alcalde da vila de Cedeira, Pablo Moreda, acudiron tamén ao acto.
Pedro Blanco salientou o papel dos case 6.000 axentes da Garda Civil que operan en Galicia, “axudando a vertebrar o noso territorio”. Nese sentido, animou aos novos e novas efectivos a seguir avanzando na súa formación “aprendendo da lealdade, integridade e entrega que mostran cada día aqueles que serán os seus mentores e mentoras”.
Fixo fincapé no aumento de efectivos que o Goberno realizou en Galicia, que lle permite establecerse como unha das comunidades autónomas con mellor proporción de axentes por habitante de España.
Así mesmo, Blanco resaltou o impulso ás novas instalacións ou a mellora dos recursos materiais dispoñibles. Isto repercute nas condicións laborais dos axentes, “que devolven todo este esforzo das políticas públicas de seguridade en forma de lealdade, integridade, responsabilidade e entrega”, en palabras do delegado.
A través desta nova partida de axentes en prácticas, Galicia suma 114 gardas civís, dos que 78 teñen orixe galego. Coas súas idades comprendidas entre os 20 e os 40 anos, os novos e novas axentes estarán formándose sobre o terreo durante dez meses. Estarán destinados 55 na Coruña, 30 en Pontevedra, 17 en Lugo e 12 en Ourense.
Pedro Blanco sinalou as peculiaridades xeográficas de Galicia, onde se van formar “aprendendo a garantir a igualdade de dereitos e de seguridade sen importar o lugar xeográfico, nunha terra tan diversa e ampla como é a nosa”. Nese sentido, puxo en valor o labor cotián da Garda Civil, “un traballo silencioso, firme e próximo á cidadanía, que é clave no rural protexendo á poboación e mostrándolle que as institucións están ao seu carón”.




