O Concello de Ferrol aprobou o expediente de contratación dos servizos de coordinación integral e dirección de obra e de coordinación de seguridade e saúde das obras comprendidas no proxecto Abrir Ferrol ao mar, contorna do arsenal, Ferrol Vello e Magdalena.
Este proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o convenio de colaboración do 29 de decembro de 2023 co Concello de Ferrol. Ademais, é susceptible de ser cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa plurirrexional de España 2021-2027. “Seguimos dando pasos para a execución da primeira fase de Abrir Ferrol ao mar”, afirmou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.
O contrato divídese en dous lotes. O lote 1 abrangue os servizos de arquitectura, enxeñería e planificación e supervisión do traballo de construción, así como os servizos de supervisión de obras. Este ten un importe de 209.604,22 euros. O lote 2, de servizos de saúde e de seguridade, ascende a 32.605 euros.
Así pois, estímase un gasto total de 96.883,73 euros correspondente á anualidade do 2025 e de 145.325,59 euros para a anualidade do 2026. O contrato será financiado nun 50% con recursos propios do Concello de Ferrol e nun 50% con cargo á Axencia Galega de Infraestruturas. Neste sentido, cada entidade achegará 121.104,66 euros. As anualidades deste contrato son as correspondentes ao prazo de execución da obra, que é de 18 meses.
VALORACIÓN DE OFERTAS
Neste momento, a mesa de contratación está a valorar as ofertas presentadas por 12 empresas á execución desta primeira fase. As actuacións previstas supoñen unha rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar. Para logralo, procederase á reordenación integral do ámbito para conformar un espazo público continuo ao longo da fachada marítima.
Estas obras permitirán retomar a integración da cidade co mar, recuperando a concepción orixinal da cidade do século XVIII e articulando os barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Esteiro co perímetro do Arsenal e os estaleiros. Trátase do proxecto de transformación urbana máis importante aprobado en Ferrol en moitos anos, que actuará en 1,5 quilómetros e en 30.000 metros cadrados.
O orzamento total ascende a 5.542.867,18 euros. No 2025 a inversión é de 2.217.146,87 euros e no 2026, de 3.325.720,31 euros. O prazo de execución é de 18 meses.




