PUBLICIDADE

A XV Carreira Popular de Cariño vén de abrir o seu prazo de inscricións

Saída da Carreira Popular Concello de Cariño en 2022, e que vén de abrir o prazo de inscricións para a XV edición que se disputa o vindeiro 10 de agostoSaída da Carreira Popular Concello de Cariño en 2022, e que vén de abrir o prazo de inscricións para a XV edición que se disputa o vindeiro 10 de agosto

A XV Carreira Popular de Cariño dispútase o domingo 10 de agosto, con saída e chegada no Paseo Marítimo, nas categorías sénior, veteráns, infantís e menores de idade

A XV Carreira Popular Concello de Cariño vén de abrir o prazo de inscrición para participar nunha cita xa consolidada no calendario deportivo comarcal que terá lugar o domingo 10 de agosto. A proba, organizada polo Goberno local, conta coa colaboración de Eroski City de Cariño, Arthros Fisioterapia e da Deputación da Coruña.

As inscricións na Carreira Popular, que son de balde e permanecerán abertas ata o luns 4 de agosto, poderán formalizarse a través da web cronotec.es, na que tamén se pode consultar o regulamento, as distancias por categoría e o cartel oficial da proba. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o mesmo día da carreira.

A saída e a chegada da Carreira Popular de Cariño terán lugar no Paseo Marítimo, á altura da Casa do Concello, ofrecendo un percorrido accesible e con vistas excepcionais. O programa arrincará coa saída das categorías sénior e veteranos ás 10:00 horas, e a partir das 11:00 horas será a quenda das categorías infantís e menores de idade.

PUBLICIDADE

Os dorsais poderán retirarse o venres 8 de agosto, de 12:00 a 13:30 horas no Servizo de Deportes da Casa do Concello, ou o día da carreira, de 9:20 a 9:50 horas, no vestíbulo do propio Concello. Dende a organización, solicítase a colaboración da cidadanía evitando o tránsito polo Paseo Marítimo durante a celebración da proba, co fin de facilitar o correcto desenvolvemento da mesma.

Ademais, as persoas interesadas en colaborar como voluntarias na organización poden enviar un correo electrónico a davidfernandez@concellodecarino.gal, indicando nome, apelidos e teléfono de contacto. Contactaráselles durante a primeira semana de agosto para coordinar as tarefas asignadas.

A concelleira de Deportes, Laura García, explicou que “a Carreira Popular de Cariño é xa unha cita clásica do verán e un reflexo do compromiso deste Concello co deporte e a vida activa. Nesta XV edición volvemos apostar por unha proba pensada para todas as idades, cun percorrido inmellorable ao longo do noso Paseo Marítimo”, incidiu.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.