A III Cronoescalada Sanrockeira de San Sadurniño, o venres 8 de agosto coincidindo coas festas do San Roque, disputarase en dúas modalidades, BTT e bicicleta de estrada
A III Cronoescalada Sanrockeira de San Sadurniño, que se disputa o venres 8 de agosto enen Naraío, coincidindo coas festas do San Roque, acaba de abrir o seu prazo de inscrición. Unha proba que discorrerá entre o campo da festa da Veiga e o lugar de Quintiá, que conta cunha dificultade media-alta, aínda que asequible para calquera que teña costume de andar na bicicleta, e que ofrece en escasos tres quilómetros un desnivel positivo cercano aos 500 metros, case todos concentrados no tramo final.
A Cronoescalada Sanrockeira é todo un desafío que en tan só dous anos logrou consolidarse como unha das probas destacadas do calendario comarcal. Por iso este ano amplíanse as prazas a 125 e introdúcese como novidade o prezo de 5 euros para custear a cronometraxe e outros gastos organizativos.
A proba ciclista de San Sadurniño volverá estar dividida en dúas modalidades, unha para bicicletas de estrada e outra para BTT, encadradas nas categorías Absoluta (18 a 49 anos) e Máster 50 (de 50 anos en diante) tanto en masculina como en feminina.
En ambas modalidades haberá que completar un percorrido de 3,44 quilómetros de distancia que comezará no campo da festa de Naraío, ao pé da pista polideportiva, que continuará polos lugares do Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada (polo camiño novo), Lourido e, finalmente, o lugar de Quintiá.
A saída do primeiro corredor darase ás 18:00 horas, e o resto de ciclistas partirán cada 60 segundos. O itinerario discorre sobre firme aglomerado, o que non significa que sexa un reto doado. De feito, tras un comezo apto para todas as pernas, a cousa complícase a partir do segundo quilómetro cunha pendente que só dá un pequeno respiro no lugar de Lourido, e posteriormente endurécese de novo ata preto da meta, na que haberá oportunidade de esprintar durante 400 metros.
A inscrición na III Cronoescalada Sanrockeira ten un prezo de 5 euros e deberá efectuarse antes das 14:00 horas do 3 de agosto a través de emesports.es. Ofértanse un total de 125 prazas que se irán asignando por orde de solicitude. A inscrición cobre os custes do seguro e tamén os da cronometraxe, que se fará mediante chip.
A III Cronoescalada Sanrockeira de San Sadurniño entregará trofeo aos tres mellores tempos masculinos e femininos na categoría Absoluta de estrada e BTT. Tamén recibirán seis distincións en Máster 50 (masculina/feminina, en BTT e bici de estrada). Os mellores rexistros feminino e masculino na xeral e para as dúas persoas participantes de maior idade tamén terán o seu trofeo.
A III Cronoescalada Sanrockeira está organizada pola Concellaría de Deportes de San Sadurniño coa colaboración do Club MTB Biela e Chaveta e a comisión de festas do San Roque 2025.




