O Goberno galego destinará 150.000 euros para a implantación en Ordes dunha sala de lectura e Centro Cultural Multiusos, tras a autorización no Consello da Xunta do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello, por un valor total de 199.000 euros, que lle permitirá á veciñanza contar cunha infraestrutura versátil que complemente as capacidades da biblioteca municipal.
Trátase dun proxecto que recolle a adecuación do edificio denominado Baixos da Alameda, dedicado na actualidade a oficinas, e no cal se pretende levar a cabo obras que acondicionen o seu interior para transformalo nun espazo chamado a ser o epicentro cultural da localidade, xunto coa biblioteca adxacente.
Así, o investimento total da intervención distribúese en dúas anualidades, de maneira que para 2026 o Goberno galego reserva 15.896 euros destinados a traballos previos e para o 2027 achega 134.104 euros.
Neste senso, a actuación a realizar consiste en levar a cabo demolicións e actuar sobre as fachadas e particións, ao que se suma a instalación dos distintos sistemas, a xestión de residuos e a dotación de equipamento.
O obxectivo é crear un centro deseñado para albergar todo tipo de actividades e localizado nun lugar estratéxico, de maneira que sexa un punto de encontro para a cidadanía onde poder atopar unha oferta cultural dinámica e aberta, máis alá da creación de postos de estudo ou de lectura. Deste xeito, a Xunta comprométese a colaborar coa posta en marcha dunha infraestrutura en condicións que permita o acceso real á cultura, con programación de calidade, a todas as persoas con independencia de onde vivan, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e co seu plan de modernización de instalacións en todo o territorio.



