O Concello de Barbadás avanza un paso máis no obxectivo de actualizar e modernizar o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Este foi aprobado no ano 2002, baixo o goberno do Partido Popular. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente alcalde, Victoria Morenza; unha técnico municipal, e o concelleiro Daniel Rey, mantiveron unha reunión en San Caetano coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.
No encontro, trasladaron a necesidade de modificar o PXOM para adaptalo ás necesidades actuais da poboación e á realidade do municipio. Pola súa banda, Encarnación Rivas destacou que o PXOM, pese a ser do 2002, está dentro do marco da lexislación urbanística galega (LouGa). Así pois, aconsellou ao Goberno local levar a cabo modificacións puntuais de cuestións ás que o plan non dá solucións. Cabe destacar que o Concello de Barbadás terá que asumir integramente o custo dos cambios na normativa.
A directora xeral tamén sinalou a falta da cartografía requirida pola Xunta nos PXOM. En resposta, o alcalde solicitou a colaboración da administración autonómica, que nestes momentos está a elaborar unha cartografía do territorio galego. Porén, a Xunta aínda non confirmou a posibilidade.
MODIFICACIÓNS NO PXOM
Algunhas das modificacións puntuais a incluír no PXOM están localizadas no Fonsillón, a área das piscinas municipais ou a área industrial de Bentraces.
No Fonsillón, o PXOM do 2002 propoñía unha vía que tería continuidade no término municipal de Ourense, pero que o Concello de Ourense non incluíu non seu PXOM. Neste caso, será necesario actualizar e regularizar a rúa planificada, xa que non se corresponde coa realidade.
Por outra banda, o goberno local analizará modificacións relacionadas coa ampliación da piscina municipal, así como cambios vinculados á área empresarial de Bentraces para axeitala á realidade.