O Concello de Cartelle beneficiouse da pasada convocatoria das axudas da Xunta a municipios para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social. Co gallo da entrega dunha destas dúas vivendas rehabilitadas a unha familia que a desfrutará en réxime de alugueiro, a conselleira de Vivenda e Planificación de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazáronse ao municipio. Alí, os representantes autonómicos destacaron a aposta do Concello por recuperar antigas vivendas de mestres a través destas achegas.
REHABILITACIÓN PARA ALUGUEIRO SOCIAL
Durante a visita, a conselleira deu conta hoxe da nova convocatoria desta liña de axudas, que ascenden a 1.850.000 euros ata 2026. Así mesmo, a Xunta lanza as subvencións do Programa de Infravivenda. Están dirixidas aos concellos de menos de 10.000 habitantes, para que poidan axudar a persoas en situación de vulnerabilidade a sufragar obras para garantir as condicións de habitabilidade nas súas vivendas. Asemade, este programa subvenciona tamén a rehabilitación de inmobles do patrimonio municipal para garantir o acceso á vivenda. A estas achegas destínanse 370.000 euros.
Allegue subliñou que a nova convocatoria destas achegas busca ampliar o apoio aos concellos para impulsar estas actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres. Deste xeito, as axudas esténdense agora aos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000.
Ademais, amplíanse as actuacións financiables e esténdense aos proxectos de rehabilitación que inclúan a ampliación das edificacións. Por outra banda, elimínase o requisito de que os concellos conten con demandantes no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.

“Con estas achegas non só creamos novos fogares, novas vivendas públicas, desta vez municipais, senón que tamén axudamos a asentar poboación nos concellos de menos de 30.000 habitantes”, subliñou a conselleira.
As axudas autonómicas poden acadar ata o 95% do orzamento das obras, sen superar os 50.000 euros por vivenda rehabilitada. Esta cifra ascende a 55.000 no caso de que se atopen nun ámbito histórico ou nun ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra. No tocante ás vivendas en área Rexurbe, a achega chega aos 57.000 euros.
Allegue lembrou que o pasado ano foron 26 as vivendas públicas destinadas ao alugueiro consecuencia destas axudas, “e contamos que o número sega a crecer con esta convocatoria 2025”.
PROGRAMA DE INFRAVIVENDA
Por outra banda, a conselleira indicou que a Xunta tamén vén de lanzar a nova convocatoria das subvencións do Programa de Infravivenda, dirixidas a prestar apoio aos concellos de 10.000 habitantes para a rehabilitación de vivendas. Con elas, búscase apoiar ás unidades de convivencia propietarias, que residan nunha edificación ou vivenda que se encontre en mal estado de conservación e que non dispoñan de recursos para acometer as obras que permitan ter as condicións mínimas de habitabilidade.
O obxectivo é tamén permitir a estes concellos rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a facer fronte aos problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos destas axudas.
Serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto a reforma ou rehabilitación de elementos exteriores; a mellora das condicións estruturais e de seguridade, a mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas e a mellora da habitabilidade. Inclúense dentro desta última actuación a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Neste caso a contía das achegas poderá acadar ata o 95% do orzamento protexido polas obras, cun máximo de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.
Ambas convocatorias abrirán o prazo de solicitudes o vindeiro 27 de xaneiro e rematará o 3 de xuño ou cando se esgote o crédito.



