PUBLICIDADE

San Sadurniño financiará con 29.000 euros provinciais o persoal de Igualdade e o programa de Memoria Activa

O pleno de San Sadurniño aprobou por unanimidade adicar 8.838 euros do POS+ Adicional ao programa de Memoria Activa 2025. Foto: César Galdo.O pleno de San Sadurniño aprobou por unanimidade adicar 8.838 euros do POS+ Adicional ao programa de Memoria Activa 2025. Foto: César Galdo.

O Concello de San Sadurniño beneficiarase de dúas achegas da Deputación da Coruña por un importe total de 29.000 euros. A maior parte desta contía, 22.000 euros, dedicarase ao financiamento dos custes laborais da técnica municipal de Igualdade. No tocante á cantidade restante, que ascende a 7.000 euros, compensará a edición de 2024 do programa de memoria activa que se desenvolve polas parroquias. Esta actividade tamén contará con soporte económico provincial a través do POS Social.

PERSOAL TÉCNICO DE IGUALDADE

En canto ao financiamento de persoal técnico de Igualdade do Concello de San Sadurniño, a finalidade das axudas é promover actuacións e definir políticas neste ámbito, en coordinación coa Deputación provincial no marco do I Plan de acción das políticas de Igualdade de xénero na provincia de A Coruña 2019-2026.

A convocatoria tamén define as funcións que desenvolve o persoal cuxo posto se financia. Son unha decena de aspectos encadrados en dous eixos principais; o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero.

PUBLICIDADE

Estas dúas liñas de traballo tradúcense á súa vez en accións concretas de detección de necesidades en materia de igualdade, prevención e intervención da violencia de xénero. Así mesmo, desenvolverase unha programación, planificación, intervención e realización de proxectos de dinamización, como publicacións, obradoiros para distintas idades, charlas, cursos, etc. Outro dos puntos salientables é a busca de financiamento doutras Administracións no apoio á xestión de servizos relacionados coa conciliación, como a Escola Infantil Municipal ou a Aldea de Verán. Así mesmo, farase seguimento da aplicación real das políticas de igualdade e de fomento da perspectiva de xénero e traballarase man con man e de maneira coordinada cos departamentos de Educación Familiar e de Servizos Sociais en situacións que requiren unha atención urxente.

O importe da subvención provincial, dirixida a cubrir os custes salariais e de seguridade social, ascendeu a un total de 22.000 euros, a máxima cantidade que se outorga na convocatoria de acordo co programa presentado na solicitude e coa relación de traballos efectuados ao longo de 2024.

MEMORIA ACTIVA

Por outra banda, o programa de Memoria Activa que se desenvolve polas parroquias de San Sadurniño tamén se beneficiará dunha achega provincial de 7.000 euros.

Neste caso trátase de obradoiros semanais itinerantes coordinados por persoal especializado de Afal-Ferrolterra. A finalidade destes encontros para persoas de máis de 54 anos céntrase en tres eixos. En primeiro lugar, propor exercicios moi sinxelos e entretidos que obriguen a exercitar o cerebro. En segundo lugar, previr e detectar procesos incipientes de deterioración cognitiva. E, finalmente, crear un espazo lúdico compartido que manteña afastada a soidade.

As actividades de Memoria Activa botaron a andar con grande éxito en 2022 e o Concello pretende seguir manténdoas no futuro. A axuda provincial concedida cofinancia o programa desenvolvido durante 2024. Non obstante, o pleno municipal aprobou recentemente por unanimidade destinar á edición deste ano de Memoria Activa un total de 8.838 euros do POS+ Adicional 1/2025.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.