O Concello de Ferrol porá en marcha tres formacións durante o próximo mes de febreiro no Centro de Emprego. As accións formativas son iniciativa da concellería de Emprego grazas ao financiamento da Xunta de Galicia. Así, enmárcanse no Plan formativo para o emprego da comunidade autónoma de Galicia para o período 2024-2026, para persoas en situación de desemprego.
Dúas das formacións son certificados de profesionalidade. Por unha banda, operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e, pola outra, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
O primeiro trátase dun certificado de profesionalidade de nivel 1. Non ten requisitos de acceso, pero terán preferencia as persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Está dirixido a formar profesionais para que desenvolvan as súas funcións en empresas de todos os sectores produtivos, principalmente en oficinas, despachos ou departamentos de administración ou servizos xerais.
Centrarase en ocupacións como recepcionistas-telefonistas en oficinas, ordenanzas, auxiliares de servizos xerais, auxiliares de oficina, auxiliares de arquivo e/ou de información. Ten unha duración de 448 horas e está previsto que se desenvolva en horario de tarde entre o 3 de febreiro e o 6 de xuño.
O segundo, de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, é un certificado de profesionalidade de nivel 2. As persoas interesadas en participar deberán constar como desempregadas e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Para inscribirse será necesaria a titulación de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 (ESO ou equivalente, ou as competencias clave de nivel 2).
Está dirixido a formar a persoas que desenvolven a súa actividade profesional no sector de prestación de servizos sociais a persoas en centros ou equipamentos que presten servizos de atención sociosanitaria: centros residenciais, centros de día e outros similares. Ten unha duración de 468 horas, cunha previsión de inicio o 17 de febreiro e de finalización o 3 de xullo.
No tocante ao terceiro dos cursos, é o de Competencia Matemática nivel 2. Está dirixido a persoas en situación de desemprego que carecen da formación en ESO ou equivalente. A súa superación permitirá acceder aos cursos de formación ocupacional para persoas desempregadas con certificado de profesionalidade de nivel 2, que representan a maior parte da oferta formativa.
Con 138 horas de duración, está previsto que se inicie o 24 de febreiro ata o 2 de abril e impartirase nas mesmas instalacións municipais de emprego e en horario de mañá. Este curso de Competencia Matemática nivel 2 terá continuidade coa convocatoria de comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega de niveis 2.
Para o curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais é requisito achegar xunto co formulario de inscrición a documentación que acredite que ten a titulación de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2.