A Policía Local de Ferrol realizará unha campaña para comprobar se a cidadanía cumpre coa obriga de recoller os excrementos das mascotas nos espazos públicos. Terá lugar do 1 a 15 de febreiro. Dende a administración local lembran que contías da sanción oscilarán entre os 100 a 500 euros.
A concelleira de Benestar Animal e Sanidade, Maica García, presentou hoxe en comisión a campaña. “Recibimos moitas queixas dos veciños alertando de que propietarios de mascotas non recollen os excrementos cando os pasean polas rúas ou están en parques”, explicou a edil.
A ordenanza municipal de protección dos animais e convivencia responsable recolle varias obrigas para as persoas propietarias dos animais. En primeiro lugar, adoptar as medidas necesarias para que os animais non poidan acceder libremente ás vías e espazos públicos ou privados. Ademais, no caso dos cans deberán ir atados con correa e colar ou outros elementos de retención, agás naqueles lugares nos que se permita que transiten en liberdade.
En segundo lugar, a ordenanza establece que as persoas propietarias deben evitar en todo momento que os animais causen danos ou ensucien os espazos públicos. No caso de non cumprir o disposto, os axentes da Policía Local poderán requirir a limpeza e recollida dos elementos afectados e impoñer a correspondente sanción.
“Quero agradecer a implicación da policía nesta campaña e aproveito para facer un chamamento á concienciación por parte dos propietarios das mascotas para que cumpran dita normativa para evitar sancións”, concluíu a concelleira de Benestar Animal.