A Xunta de Galicia investiu 314.456 euros na reforma da cociña e comedor do CPI Atios do Concello de Valdoviño. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde valdoviñés, Alberto González, comprobaron esta mañá o resultado das obras.
A actuación, executada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, consistiu na reforma do interior do volume do comedor e a cociña do edificio existente. Así mesmo, mellorouse a envolvente para gañar estanquidade, eficiencia enerxética e garantir as condicións de confort interior das persoas usuarias.
Neste sentido, levouse a cabo unha reorganización máis funcional do espazo da cociña, demolendo a cámara frigorífica de obra, que resultaba ineficiente. No seu lugar creouse un espazo de almacenaxe para albergar dous frigoríficos novos e unha peladora xunto a un vertedoiro máis próximo. O proxecto incluíu tamén a renovación dos acabados interiores para a mellora da salubridade e a manipulación de alimentos e a substitución das instalacións necesarias na cociña, no comedor e no cuarto de almacenaxe.

O proxecto incorporou tamén a renovación das cubertas e carpinterías existentes, a execución do illamento exterior continuo a través do sistema SATE e o cambio de dirección do último tramo da escaleira de evacuación de incendios existente, para non obstaculizar o patio de xogos, que tamén se reparou e se pintou. Por último acometeuse o acondicionamento da impermeabilización da zona superior dos vestiarios.
Durante a visita, na que tamén estivo o director territorial da Consellería, Indalecio Cabana, Aneiros destacou o compromiso do Goberno galego coa mellora das instalacións educativas. A fin é poder ofrecer uns “servizos de calidade para todos as alumnas e alumnos nas mellores condicións posibles”.
Estas obras de mellora no CPI Atios están incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, en cuxa segunda fase conta cun investimento inicial de máis de 267 millóns de euros para os vindeiros catro anos.



