A Xunta de Galicia concedeu o pasado ano 182.400 euros en axudas a cinco empresas de Ferrolterra para a formalización de 12 novos contratos laborais. Estas achegas enmárcanse no programa primeira experiencia profesional co que o Goberno galego incentiva a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens.
Tal e como explicou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, trátase dun programa mixto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que contou cun orzamento de 4,2 millóns de euros en 2024. Así, ademais de impulsar a contratación de mozas e mozos a tempo completo con apoios económicos, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.
Así, co propósito de atender as necesidades específicas de emprego no tramo de idade de menores de 30 anos, o programa artellouse en dúas liñas concretas de axuda. A primeira, para contratar mozas e mozos con titulación ou certificación profesional. A segunda, para brindar unha oportunidade tamén a quen careza de cualificación profesional recoñecida.
A XUNTA MOBILIZA 6,3 MILLÓNS DE EUROS NA CONVOCATORIA DE 2025
Aneiros lembrou que a Xunta lanzará nas próximas semanas a convocatoria de 2025, dotada con 6,3 millóns de euros de orzamento. Inclúese dentro da Estratexia Mocidade Activa coa que o Goberno galego pretende mellorar a situación vital da mocidade galega, así como a súa empregabilidade a través de programas de fomento da contratación.
A medida contará cun orzamento só por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de 20 millóns de euros e nela englobaranse todas as achegas encamiñadas ao impulso do emprego xuvenil. Entre estas tamén se sitúa o Galicia Emprega Mozos, cun orzamento de 3,5 millóns de euros; ou o programa Investigo, con 4,8 millóns de euros para o fomento da contratación de investigadores e tecnólogos menores de 30 anos, persoal técnico e outros profesionais de I+D+i.




