O Concello de Fene vén de anunciar a apertura do prazo para participar no XV Concurso de Tapas que ten o obxectivo de promover e dinamizar a actividade da hostalería local
O Concello de Fene vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para participar na XV edición do Concurso de Tapas que se desenvolverá dende o 4 ao 13 do vindeiro mes de abril. Así, o Concello pon en marcha unha nova edición do Concurso de Tapas co que se busca promover e dinamizar a actividade hostaleira local, así como a especialización e mellora da calidade das tapas, consolidando o certame como unha referencia gastronómica do municipio.
Os horarios deste XV Concurso de Tapas do Concello de Fene será os venres, sábados e domingos, de 20:00 a 22:00 horas, de 13:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:00 horas; e de 13:00 a 15:00 horas, respectivamente, do 4 ao 13 de abril. Os establecementos participantes, que poderán formalizar as súas inscricións ata o vindeiro 10 de marzo a través do rexistro municipal ou da sede electrónica, ofrecerán a súas tapas e petiscos a un prezo fixo de 2,50 euros.
Os establecementos interesados en participar neste XV Concurso de Tapas, ao formalizar a inscrición, deberán enviar unha fotografía do petisco ou tapa coa que optan ao certame ao correo electrónico desenvolvemento.local@fene.gal. Para máis información, os locais interesados poden chamar ao teléfono 981 492 767.
O Concurso de Tapas é unha excelente oportunidade para que os locais da hostalería mostren a súa creatividade, ofrezan propostas innovadoras e, ao mesmo tempo, contribúan a dinamizar a economía local. Con cada edición vemos un maior nivel nas tapas, o que demostra o talento e o compromiso dos nosos hostaleiros” (Ángeles Coira, concelleira de Promoción Económica de Fene)
Dende o Concello de Fene animan a todos os establecementos de hostalería do municipio a participar neste XV Concurso de Tapas, que ano tras ano contribúe a potenciar a oferta gastronómica do municipio e a atraer tanto veciñanza como visitantes á vila.