O Concello de San Sadurniño aprobou en setembro a súa integración na Rede de Municipios pola Agroecoloxía. Así pois, participou esta mañá no seu primeiro encontro de traballo dentro da RMA, no que se presentaron os novos membros e se trataron temas relacionados coa coordinación técnica da rede.
Esta rede agrupa a municipios e entidades comprometidas coa busca de alternativas produtivas respectuosas co ambiente e sostibles desde o punto de vista económico e social. Tamén pretende avanzar na soberanía alimentaria e na construción de circuítos de proximidade capaces de abastecer as comunidades locais con produtos saudables, sostibles e variados.
A sesión desenvolveuse por videoconferencia, coa asistencia por parte de San Sadurniño da concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, e do técnico de Desenvolvemento local, Roberto Lindín Novo. Tamén participaron no encontro en liña representantes de Bilbao, Alfarb, Eslida, Vegadeo, Ataun, Vall D’en Bas e Medina Sidonia, as outras sete vilas e cidades que acaban de incorporarse á rede.
Nesta primeira xuntanza, San Sadurniño presentou as liñas de traballo que vén desenvolvendo desde hai anos no ámbito da agroecoloxía. Destacan as relacionadas coa formación e capacitación técnica, coa recuperación de variedades de froita autóctona e coa participación municipal no centro de transformación A Fusquenlla.
Durante a súa intervención, os representantes municipais explicaron outras iniciativas vinculadas coa sostibilidade e a promoción dos produtos de calidade elaborados na zona e distribuídos en mercados próximos. Máis en concreto, trátase das dúas grandes feiras anuais e as xornadas divulgativas organizadas coa colaboración de entidades do sector primario.
COORDINACIÓN TÉCNICA DA REDE
Unha vez feitas as presentacións, o encontro da Rede de Municipios pola Agroecoloxía avanzou o contido da reunión técnica que se celebrará a finais da primavera. O obxectivo é implementar un novo método de traballo “que facilite a participación, o diálogo, o apoio mutuo, as sinerxías e o servizo aos concellos membros”, explica a concelleira de Axenda 2030.
A RMA, da que forman parte neste momento 45 vilas e cidades de todo o Estado, busca mellorar a comunicación con e entre os concellos membros. Asemade, pretende artellar un sistema que facilite a transferencia de coñecemento e experiencias máis aló das xuntanzas programadas ao longo do ano.
Ademais tamén se pretende fortalecer a secretaría técnica “para que sexa unha ferramenta de asesoramento máis eficaz para os membros da rede en temas como a definición ou maduración de proxectos, os aspectos legais ou as posibles vías de financiamento”, engadiu a edil.
A reunión de traballo da Rede de Municipios pola Agroecoloxía encádrase no II Webinario Europeo, no que participan colectivos doutros países cos que a RMA comparte obxectivos. O evento está organizado en colaboración co Proxecto LiveSeeding e céntrase nesta segunda edición nas estratexias de venda e promoción de sementes ecolóxicas, “como parte fundamental dun sistema local e sostible de produción alimentaria”.