PUBLICIDADE

A Xunta inicia o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural o campamento romano de Ciadella en Sobrado dos Monxes

O expediente recoñece o seu valor científico e patrimonial, dada a súa excepcionalidade e singularidade, tratándose dun dos xacementos arqueolóxicos romanos máis sobranceiros no territorio galego

Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural o campamento romano de Ciadella. Este procedemento supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, provisional ata a súa aprobación definitiva, nun prazo máximo de dous anos, e, polo tanto, a máxima protección inmediata destes terreos localizadas no concello de Sobrado, na provincia da Coruña.

O expediente elaborado polos técnicos recoñece que o conxunto constitúe un ben sobranceiro galego da época romana, que merece ser declarado Ben de Interese Cultural polo seu valor científico e patrimonial, dada a súa excepcionalidade e singularidade ao tratarse dun dos dous únicos campamentos militares romanos, de carácter permanente, que se conservan en Galicia.

Deste xeito, o emprazamento constitúese coma un xacemento básico para a investigación do proceso de romanización do noroeste peninsular e do exército nesta época, ademais de contar cun gran potencial no eido da investigación e da formación académica, dada a ampla superficie aínda sen escavar e investigar.

PUBLICIDADE

Por outra banda, o campamento destaca polo seu estado de conservación e pola súa apertura ao público, dispoñendo dunha ampla superficie estudada e restaurada para a súa visita, cun acceso sinxelo. Ademais conta cunha serie de recursos interpretativos para facilitar a súa comprensión, como paneis informativos, códigos QR situados en distintos puntos con vídeos temáticos e unha pequena aula de interpretación situada na antiga caseta-almacén do xacemento.

O inicio do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o campamento romano de Cidadella reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio senlleiro da nosa Comunidade. Así o demostran os 125 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 797 na actualidade.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.