O Concello de Fene acometerá a substitución da cuberta da Escola Curros Enríquez de Maniños, unha actuación destinada a garantir a conservación e posta en valor dun dos edificios máis emblemáticos do patrimonio indiano do municipio.
O proxecto contempla a substitución integral da cuberta do edificio, co obxectivo de mellorar as condicións de salubridade e resolver os problemas derivados da deficiente evacuación das augas pluviais.
As obras serán posibles grazas á concesión dunha subvención da Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de axudas dirixido aos concellos para a realización de actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal durante o ano 2026.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “a Escola Curros Enríquez é moito máis ca un edificio; é un símbolo da solidariedade e do compromiso coa educación daqueles veciños e veciñas que, desde a emigración, contribuíron a construír o Fene que coñecemos hoxe”.
A rexedora sinalou que “a conservación deste inmoble é unha responsabilidade coa nosa historia e coa memoria colectiva de Fene”. Neste sentido, subliñou que “esta actuación permitirá garantir a protección dun elemento patrimonial de enorme valor e asegurar que continúe sendo un espazo útil e vivo para o tecido asociativo de Maniños”.
O investimento total ascende a 63.262,35 euros, dos que a administración provincial achegará 50.609,88 euros.
Desde o Concello de Fene destacan que esta intervención se enmarca na aposta municipal pola conservación e posta en valor do patrimonio histórico e cultural, como ferramenta para reforzar a identidade do municipio e transmitir ás novas xeracións o legado recibido.




