PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta investirá 1,7 millóns de euros no abastecemento de Ares

PorBisbarra

Mércores, 25 Setembro 2024 ,
A Xunta e o Concello de Ares asinaron un convenio para investir 4,3 millóns de euros no abastecemento.A Xunta e o Concello de Ares asinaron un convenio para investir 4,3 millóns de euros no abastecemento.

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, vai investir nos próximos anos arredor de 1,7 millóns de euros na mellora do sistema de abastecemento do Concello de Ares.

Así pois, a conselleira de medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Julio Iglesias, asinaron esta mañá un convenio de colaboración. Segundo este documento, as obras proxectadas suporán a construción dun depósito de regulación para auga potable de 3.400 metros cúbicos de volume de almacenamento, a creación dunha liña de adución de 2,5 quilómetros de lonxitude, desde a condución xeral na contorna do lugar da Barca; e a construción dunha liña de distribución xeral de 1,6 quilómetros desde ese novo depósito ata a súa conexión á rede existente na zona de Pedrós

A estas actuacións engádense outras complementarias, como a instalación de distintas cámaras, unha liña de baleirado e desbordamento desde o depósito de auga ata o medio acuático receptor de 1,5 quilómetros de lonxitude, a instalación de equipamentos de control e a urbanización nas zonas de actuación.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Segundo explicou a conselleira, a finalidade destas obras é mellorar o sistema de abastecemento de auga de Ares para poñer a disposición da cidadanía auga potable de calidade. Así mesmo, pretenden manter presións de subministración axeitadas e garantir en todo momento a prestación do servizo á veciñanza. Ao mesmo tempo, búscase dotar ao municipio dunha capacidade de reserva de auga potable en cantidade adecuada para afrontar posibles situacións de emerxencia e escaseza. Así, a rede proxectada dará servizo a unha poboación equivalente no Concello de Ares de 6.751 habitantes con horizonte en 2045.

4,3 MILLÓNS PARA MELLORAR O ABASTECEMENTO DE ARES

O convenio terá vixencia ata 2028, coa posibilidade de prórroga posterior. Suporá un investimento total de case 4,3 millóns de euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027). Deles, Augas de Galicia aporta algo máis de 1,7 millóns de euros e o Goberno local os case 2,6 millóns restantes.

Para concluír, Ángeles Vázquez fixo fincapé no compromiso do Goberno galego de colaborar cos concellos, que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración. Non obstante, a Xunta contribúe a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da Comunidade e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.