A deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, achegouse ao Concello de San Sadurniño para manter un encontro co alcalde, Secundino García. Nesta xuntanza comentaron o estado dos proxectos de mellora da rede viaria provincial ao seu paso polo municipio, ademais de abordar outras propostas relacionadas coa seguridade peonil e coas infraestruturas básicas.
En concreto, o encontro serviu para coñecer en que punto se encontra o plan para ampliar a estrada entre o Campo da Feira e Riboira, que incluirá unha senda peonil. Así mesmo,o rexedor solicitou á Deputación aproveitar as obras de aglomerado que vai executar entre a Pena e o centro urbano para deixar listas as canalizacións do saneamento proxectado en Silvalonga.
Así pois, o rexedor, que recibiu representante provincial acompañado do concelleiro de Obras e Servizos, Manolo Beceiro, cualificou a visita como “moi produtiva e positiva”. Neste sentido, tamén se puxeron enriba da mesa outras propostas que a deputada se comprometeu a estudar co seu departamento.
PROXECTO EN EXECUCIÓN DA DP-7602
Un dos proxectos de maior envergadura económica xa en marcha é o que prevé ampliar, aglomerar e dotar dunha senda peonil a pista de titularidade provincial DP-7602, desde o Campo da Feira ata Riboira, onde conflúe coa estrada de Ortigueira.
Trátase dun proxecto orzamentado en máis de 650.000 euros, incluíndo as expropiacións, xa executadas, que se aprobou en 2021. Porén, a actuación viuse demorada pola obriga de contar cos informes sectoriais de ADIF, de Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
De feito, tívose que modificar o plano da senda peonil para afastala do ámbito de protección dos restos do castro de Riboira. “O último tramo da senda estaba proxectado polo lado dereito cara a Riboira e agora terá que pasar para o outro lado, o que requirirá facer novas expropiacións”, comenta o rexedor sadurniñés. “Segundo nos explicou a deputada, unha vez superado este último condicionante, as obras poderán licitarse”.
O alcalde lembrou que o plan para anchear a estrada ata Riboira e de dotala dunha senda para viandantes foi unha petición do Concello de San Sadurniño formulada hai case dez anos. Neste senso, avanzou que a intención municipal é solicitar a súa transferencia tan pronto como as obras estean rematadas.
INTERVENCIÓN NA DP-7603
Por outra banda, durante a visita de Mónica Rodríguez Ordóñez tamén se falou da DP-7603, entre o núcleo de San Sadurniño e Valdoviño. Unha estrada que nestes momentos ten en fase de licitación o aglomerado do tramo comprendido entre A Pena e a Agra de Arriba.
Un trazado que pasa por Silvalonga, onde o Concello de San Sadurniño ten previsto ampliar o saneamento por medio dun proxecto cuantificado en algo máis de 96.000 euros. A rede de sumidoiros está deseñada con catro novos ramais que deben comunicarse en dous puntos pasando por debaixo da vía provincial. Por esta razón, desde o Concello solicitóuselle á deputada que durante os traballos de reparación da estrada se tivese en conta esta necesidade e que, de ser posible, se deixasen feitas as canalizacións polas que logo pasarían os condutos.
“O proxecto témolo listo e incluíuse na relación de propostas do POS Complementario deste ano, en espera de que haxa financiamento para executalo”, explicou Secundino García. Neste sentido, se a Deputación deixa listos os dous puntos polos que cruzar a estrada, o Concello evitará levantar o aglomerado máis adiante e poderá aforrar uns 15.000 euros nas obras do saneamento.
AMPLIACIÓN DA SENDA PEONIL DP-7601
Aproveitando a visita da deputada provincial, a comitiva achegouse ata Ferreira para abordar sobre o terreo a posibilidade de ampliar a senda peonil paralela á DP-7601, que neste momento cobre o percorrido entre Pontellas e a Camba. Neste sentido, o Concello trasladoulle á responsable provincial de Vías e Obras a conveniencia de continuar desde a Camba até a Seara, xa que se trata dunha estrada que soporta bastante tráfico e cun tramo de curvas que pode poñer en perigo a seguridade dos peóns.
Segundo o rexedor, a representante provincial tamén se comprometeu a estudar esta posibilidade dentro dos plans específicos para sendas peonís que vén desenvolvendo o seu departamento.
Finalmente, o Concello de San Sadurniño tamén aproveitou para solicitar á Deputación da Coruña a dotación dunha pequena rede de saneamento ao núcleo da Seara. Neste senso, trataríase dunha conexión ao sistema de depuración biolóxico da Vila, que funcionaría mediante filtración con gravas de distinto calibre e plantas acuáticas.