O Concello de Cedeira solicitou a posta en marcha dun programa de formación co afán de facer da Mesa de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero un órgano dinámico e verdadeiramente útil. Así pois, esta semana desenvolveuse a súa primeira sesión, que se completará con outra en outubro. A Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta imparte dita formación, na que participa persoal da Subdelegación do Goberno, do propio Concello de Cedeira, dos centros educativos da localidade, axentes da Policía Local e Garda Civil, axentes xudiciais e profesionais do centro de saúde.
A Mesa de Coordinación Institucional constituíuse a principios deste ano e trátase dun órgano que reúne a todos os actores que poden albiscar situacións de perigo ou de violencia contra as mulleres. Neste sentido, a función prioritaria é ofrecer ferramentas para traballar na prevención, a detección precoz e dar unha resposta áxil ás vítimas.
O Concello de Cedeira está tamén adherido, desde comezos de 2023, ao sistema Viogen para a prevención da violencia de xénero, que aglutina toda a información sensible sobre os casos. Así mesmo, permite que a Policía Local teña información e faga seguimento sobre algún deles, xeralmente aqueles considerados de baixo risco.
O salón de plenos do Concello acolleu este martes a primeira sesión formativa e volverá facelo o vindeiro día 8 de outubro, co obxectivo de que melloren en Cedeira as capacidades e a organización dos procesos relacionados coa prevención e a actuación ante casos de violencia de xénero.