A concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, defendeu no pleno do Concello de Ferrol a proposta de aprobación da Conta Xeral do 2023. “É un documento técnico e contable que elabora a Intervención xeral para enviar ao Consello de Contas de Galicia e cumprir coa tramitación oportuna”.
A aprobación da Conta Xeral é un acto esencial para a fiscalización desta por parte dos órganos de control externo, que non require a conformidade coas actuacións reflectidas nela, nin xera responsabilidade por razón das mesmas. “Aprobar a conta xeral non significa que se esteamos de acordo coa xestión feita, é para poder remitila ao Consello de Contas e cumprir co procedemento legal establecido”, insistiu a edil.
A concelleira recordou que “este Goberno chegou no segundo semestre do 2023 e xa durante ese semestre acometemos reformas nos procedementos para poder solucionar moitas das deficiencias que se levaban arrastrando estes últimos anos, como a aprobación das contas de Emafesa dos últimos oito anos”.
Aínda así, avanzou, no último semestre do 2023 pódese ver un cambio de tendencia. “Xa se reduciu o importe do total dos reparos nun millón e medio de euros e tamén en máis dun 10% o número de reparos, e nesta liña seguiremos traballando”, afirmou a concelleira.
A Conta Xeral do 2023 contou cos votos a favor do Goberno local e do grupo municipal do PSOE, mentres que os grupos do BNG e de FeC votaron en contra.