A Xunta de Galicia financiou a adquisición dunha nova embarcación de rescate para reforzar o servizo de socorrismo no Concello de Ortigueira. Cun investimento de 13.000 euros, mercouse grazas a un convenio coa Dirección Xeral de Emerxencias. Así pois, o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín; o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva; o subdirector xeral de Emerxencias da Xunta, José Antonio Grandas; e o xefe provincial de Protección Civil, Víctor Vázquez, asistiron ao acto de entrega da nova embarcación.
Este novo recurso cobre unha necesidade urxente para o Goberno local, xa que as tres embarcacións do servizo de socorrismo estaban inutilizadas polo seu deterioro, derivado da falta de mantemento dos executivos anteriores. Neste sentido, o rexedor valora como “prioritaria” a seguridade nas costas ortigueiresas e asegura que a adquisición da nova embarcación é “un paso decisivo para recuperar este servizo esencial, un dos compromisos do Goberno local cos veciños e veciñas de Ortigueira”.
A nova embarcación estará operativa o próximo verán, mellorando a capacidade de resposta ante emerxencias marítimas. “Non só mellora as condicións de seguridade do nosos litoral, senón que devolve ao Concello unha ferramenta fundamental para protexer aos cidadáns e aos visitantes”, incidiu o rexedor.
Nesta liña, o consistorio resalta a importancia deste reforzo nunha localidade con extensa tradición marítima que recibe cada ano a miles de visitantes e turistas. “Hoxe damos un paso clave cara a modernización e optimización dos nosos servizos de emerxencia”, subliñou o alcalde ortigueirés, facendo fincapé na colaboración entre a administración local e a Xunta.
Finalmente, Calvín lembrou que o Concello de Ortigueira vén de recuperar este verán o servizo de socorrismo nas praias tras varios anos sen funcionamento, “outro importante fito para o actual equipo de goberno”. Así pois, mellorouse significativamente a seguridade dos bañistas durante a tempada estival, garantindo a presencia de persoal cualificado nas praias.