O alcalde do Concello de Fene, Juventino Trigo, e o seu homólogo do Concello de Neda, Ángel Alvariño, mantiveron esta semana un encontro co novo xefe da Demarcación de Costas. O obxectivo deste encontro foi buscar o apoio do organismo estatal para materializar o proxecto de ampliación do paseo marítimo de San Valentín ata o espigón do Puntal.
Así pois, o treito correspondente ao Concello de Fene, que comeza en Conces, permitiría conectar a actual pasarela de madeira cun novo percorrido peonil duns 400 metros. Unha intervención que completaría un percorrido continuo á beira da ría de Ferrol, ata as proximidades da Ponte das Pías, e que contaría co financiamento da Demarcación de Costas, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.
Neste sentido, o rexedor fenés, Juventino Trigo, destacou a importancia desta actuación como “un avance na mobilidade sostíbel e unha gran oportunidade de ofrecer un espazo de lecer para a nosa veciñanza”. Así mesmo, aproveitou a xuntanza para solicitar ao xefe da Demarcación as melloras necesarias no tramo fenés do paseo.
Así, o Concello de Fene comprometeuse a seguir traballando en colaboración co Concello de Neda e a Demarcación de Costas para garantir que o proxecto poida avanzar nas mellores condicións posibles.