O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña trasladou a través do seu portavoz, Evaristo Ben, no último pleno celebrado a “súa preocupación pola posible existencia de irregularidades no Plan Estratéxico de Subvencións que poderían ser causa de nulidade nas diferentes axudas que outorga o ente provincial”.
Os populares, que incidiron na importancia dun documento “clave para que a actividade de fomento ou subvencional levada a cabo pola Deputación da Coruña responda a principios de bo goberno que teñen que ver coa eficacia, eficiencia e transparencia, apuntan a que, transcorridos varios anos, con prórrogas incluídas, desde a aprobación do Plan Estratéxico do 2020, é necesario esixir un maior rigo na elaboración de novo plan”.
Neste sentido, desde o PP, que se abstiveron no punto, critican que “o Plan pasase pola comisión informativa sen conceder tempo a todos os membros para que puidesen valoralo previamente, á vez que consideran inadmisible que o Goberno Provincial remitise o expediente á Intervención sen apenas antelación, impedindo que, desta maneira, que se levase a cabo unha análise con “rigor e detalle”, posibilitando, desta maneira só unha informe con carácter de mínimos”.
“Non entendemos a urxencia de aprobar un novo plan se o actual está vixente ata final de ano”, apuntan os populares, quen asegura que “non parece moi exemplar non someter o plan a un período de información pública”.