A Xunta sacou a licitación as obras de humanización dunha praza en Fonteboa, no Concello de San Cibrao das Viñas. A intervención conta cun orzamento de 150.000 euros e enmárcase no Plan Hurbe.
Os traballos consistirán nas obras de humanización da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga. Así pois, remodelarase o total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado, mobiliario urbano e luminarias.
No tocante á pavimentación, nalgunhas zonas empregarase lastras de granito e noutras formigón. Entre as intervencións previstas, levarase a cabo a demolición do muro e lavadoiro. Posteriormente, reconstruiranse empregando o material retirado e actuarase na drenaxe do recinto. Ademais, habilitarase unha beirarrúa de 2 metros de ancho.
A reforma completarase coa colocación de dúas novas luminarias e un cartel luminoso coa lenda “Fonteboa”. Para rematar, habilitaranse catro alcorques con árbores, instalaranse seis bancos, papeleiras e xardineiras.
A Xunta financiará o 70% do orzamento total e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de San Cibrao das Viñas aportará o 30% restante. O prazo de execución das obras estímase en tres meses e as empresas poderán presentar ofertas ata o 9 de xullo.
O Plan Hurbe ten como obxectivo colaborar cos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos. Así, preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza e fixar poboación.



