A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu a unha sesión de cociña mariñeira da man do chef Adrián Pérez. Así, a sala de exposicións da Casa da Cultura de Valdoviño acolleu a arte culinaria do chef do restaurante Sinxelo, de Ferrol.
A iniciativa está enmarcada dentro do proxecto “Ondas de Sabor: promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño” promovido polo Concello valdoviñés a través do GALP A Mariña-Ortegal. Este programa conta cunha achega autonómica de 63.778 euros da convocatoria do ano pasado.
A Xunta aprobou este ano, a través do GALP A Mariña-Ortegal, nove proxectos nos municipios da zona. Fíxoo ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas polos grupos de acción local de desenvolvemento pesqueiro. Así pois, o Goberno galego mobilizou máis de 487.000 euros en axudas.




